ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Unha vintena de comparsas toman A Rúa nun multitudinario e colorista desfile

Partía pasadas as catro e media deste domingo 10 de marzo dende a cooperativa e remataba na zona da Estación

Dende a cooperativa da Rúa partía pasadas as catro e media da tarde deste domingo 10 de marzo un colorista e animado desfile de Carnaval no que participaban unha vintena de comparsas e que abría o Folión de Buxán (O Bolo).

Desta volta, e á diferenza do que sucedía no Martes de Entroido no que estaba inicialmente previsto, o tempo acompañaba e multitude de persoas seguían á comitiva carnavalesca durante un longo percorrido que finalizaba na zona da Estación.

Tras a danza das máscaras e o atroador toque do Folión de Buxán, podían verse unha serie de coloristas comparsas algunhas ruesas e outras chegadas doutras zonas da comarca como O Barco e Rubiá, así como da comarca veciña de Quiroga.

Entre elas estaban “Vila Pitufo”, “80 Hight School”, “Del Caserío me fío”, “Black and White”, “Os inventos” (do CEIP Manuel Respino da Rúa), Os Carnaelfos, As Velutinas, Os Durmilons ou a Familia Batata. Tamén desfilaba o folión Os Viticultores (Vilamartín), así como as comparsas Aves exóticas de Rubiá e a bufóns de Quereño, A Ruada, Abeceira, Afrondis, Patriot Rueses, Ponte de Ferro, o Folión de Petín e “A orquestra Paranoia”. Finalmente, pechaba a comitiva unha charanga.

Neste desfile, organizado polo Concello da Rúa, contábase coa colaboración das agrupacións de Protección Civil da Rúa e de Manzaneda e da Policía Local.

Fotos: A.R.

Máis fotos: https://osil.info/o-desfile-de-carnaval-da-rua-en-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button