ConcellosÚltima hora

Unha vintena de concellos levarán a cabo actividades sobre violencia de xénero

Con motivo da celebración, o 25 de novembro, do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, a Xunta distribuirá 35.000 carteis informativos por toda Galicia
A campaña nace baixo o lema “Ao máis grande de Galicia non se maltrata”.

O 25 de novembro celébrase o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero. Con este motivo, a Xunta de Galicia creou unha campaña baixo o lema “O máis grande de Galicia non se maltrata” coa que distribuirán 35.000 carteis por todas as vilas e cidades de Galicia, tanto en locais comerciais, de hostalería, edificios e centros públicos, concellos, centros de saúde, xulgados e centros educativos. Ademais de campañas en medios de comunicación.

Esta campaña foi presentada hoxe, 16 de novembro, na Delegación Territorial da Xunta en Ourense, pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz. Na súa intervención, López Avella lembrou que o compromiso contra a violencia de xénero debe de estenderse aos 365 días do ano, e que é preciso seguir sensibilizando a toda a sociedade na loita coa prevención da violencia de xénero.

Este ano, por primeira vez, a Administración autonómica está a facilitar aos 313 concellos de Galicia carteis personalizados que poden descargar a través da web www.xunta25denovembro.com.

Asemade, en colaboración coas universidades galegas, desenvolveranse un total de 7 xornadas de prevención e sensibilización da andaina “Camiño ao respecto”, que percorrerá o treito que une o Monte do Gozo coa Praza do Obradoiro.

Actividades

Ao mesmo tempo, ademais da distribución dos carteis e da andaina, a Secretaría Xeral da Igualdade ofertou aos concellos adherirse á Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero. Susana López indicou que esta rede “é un instrumento que busca o rexeitamento social e institucional da violencia de xénero, sensibilizando á poboación e conseguindo a súa implicación e compromiso real contra esta lacra, fomentando ao mesmo tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade”.

Na provincia de Ourense son 35 os concellos adheridos a esta rede dos que 20 son beneficiarios desta programación que se desenvolverá a finais deste ano e principios de 2018. Así, os concellos de Vilamartín de Valdeorras, O Carballiño e os pertencentes á Mancomunidade de Verín e Monterrei disporán de obradoiros educativos sobre “Violencia de xénero e o novo contexto dixital”, dirixidos a nenos, nenas e adolescentes e centrados no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital: ciberviolencia de xénero, grooming, sexting….

Nos concellos de Cenlle, Piñor e nas Mancomunidades do Ribeiro e Conso-Frieiras desenvolveranse cursos de defensa persoal e autocapacidades que consisten en adestramento físico e psíquico para crear protocolos de actuación cara diversas situacións, impartido por monitores e monitoras especialistas en defensa persoal e integrantes da Federación Galega de Loita.

O espectáculo lúdico-musical e pedagóxico “I´ll be Watching You II” (“Hei estar vixiándote II”), que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa, achegarase ao concello de Bande.

Viana do Bolo, Maceda, Paderne de Allariz, Castrelo de Miño, Avión e Xinzo de Limia colgarán as exposicións “Á Violencia de Xénero… Dille NON!” e “Cartas de amor”.

Canto a charlas informativas, A Rúa, Ourense, Ribadavia e Celanova acollerán as impartidas por persoal do Centro de recuperación integral para vítimas de violencia de xénero sobre as consecuencias desta violencia nas mulleres e nos nenos e nenas, así como as pautas para a súa abordaxe. Pola súa banda, en Muíños celebraranse unhas sobre a trata de seres humanos, preferentemente mulleres e nenas con fins de explotación sexual, a cargo de persoal especializado na a atención ás vítimas deste delito.

 

Artigos relacionados

Back to top button