ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Unha vintena de municipios ourensáns reciben a acreditación de “Concello Emprendedor”

O acto de entrega destes diplomas, no que interviñan os presidentes da Xunta e da Fegamp, tiña lugar en Santiago

Un 15% dos municipios galegos xa suprimiron con bonificacións os impostos locais para que os emprendedores poidan establecerse no seu territorio. Trátase dun total de 47 “Concellos Emprendedores”, dos cales unha vintena están na provincia. Os seus alcaldes participaban no mediodía do 20 de abril en Santiago no acto de entrega destas acreditacións, presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, quen estivo acompañado polo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o alcalde barquense Alfredo García; e polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, entre outras autoridades. Detro dese grupo de concellos están catro valdeorreses: A Rúa, O Barco, Petín e A Veiga. Tamén estaba representada a directiva da Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA).

Durante este acto o presidente da Xunta destacaba que ter esta distinción significa “compartir coa Xunta a necesidade de levantar as barreiras ao investimento empresarial para estimular a actividade económica; e ser unha Administración consciente de que os trámites administrativos teñen que ser un garante e non unha encrucillada que retarde ou disuada o labor das empresas”.

 

Tamén adiantaba que “temos en espera outros 47 concellos para converterse en emprendedores, o que suporá un total do 34% dos municipios galegos. Un de cada tres concellos galegos vai ser emprendedor, é dicir, vai levantar as barreiras administrativas, facilitará os trámites e responderá ás necesidades do tecido produtivo”. O titular do goberno galego aseguraba ademais que “imos ter en conta nos programas da Xunta, nas subvencións e nas ordes a eses concellos emprendedores, terán unha prioridade”.

Tamén interviña neste acto o presidente da Fegamp, Alfredo García, quen lembraba que “a maioría dos que estamos aquí somos concellos pequenos e queremos medrar e cremos a historia de que hai que reequilibrar o territorio para que o interior e o rural teña vida. E só hai un modo de que a poboación se asente no rural: xerar emprego. É a única maneira de que teñan garantido o futuro para eles e para os seus fillos, senón collerán a maleta e marcharán a onde estea ese emprego. E queremos bonificar eses impostos porque queremos que haxa emprego”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button