En portada

Unha visión revolucionaria da lousa

Sae ao mercado a primeira lámina de pizarra flexible española, producida por unha empresa valdeorresa
Lámina flexible de lousa Lisa.
Lámina flexible de lousa Lisa.

As ondas dun Atlántico en calma tocadas pola escuridade ou o cromatismo engarzado en verde da Serra do Courel. Son sensacións nas que se inspira e que logra evocar a lámina de lousa flexible Lisa. É un novidoso e práctico material de interiorismo que acaba de poñer no mercado Pizarras Leads SL.

Trátase dunha nova empresa, pero que deriva dunha aposta en investigación, desenvolvemento e innovación ligada á pizarra valdeorresa que vén de anos atrás e que tiña o seu primeiro reflexo na fibra de lousa. “Estas láminas xurden de unir lousa e fibra. Elaborando a fibra de lousa descubrín que de aí podía saír un novo produto. Cada vez que facemos algo aprendemos e de aí saíu esta idea, entón creouse unha nova empresa para producir e comercializar este produto baixo a marca Lisa”, explica Miguel Ángel González, natural de Casaio (Carballeda de Valdeorras) e responsable de Pizarras Leads.

Este innovador produto nace froito dun profundo coñecemento dunha pedra natural especialmente emblemática en Valdeorras, como é a lousa, e tras valorar “os inconvintes” que este material “podería dar no seu proceso de aplicación. Hoxe podemos presentar esa visión como unha realidade, conservando todas as características da pizarra, pero dunha forma revolucionaria. Descubrimos que non fai falta renunciar ao tacto da lousa facéndoa tan fina, que se pode cortar cun cutter e xa non fai falta deseñar complexas estruturas para soportar un peso de toneladas”, segundo se indica dende esta empresa, con sede no Polígono Industrial da Raña (O Barco).

Pero, en definitiva, ¿que é a lousa flexible? “É como se colleramos a pel da lousa e lle sacaramos medio milímetro escaso. A ese medio milímetro poñémoslle un soporte, que é unha fibra de vidro con resina, algo que que lle dá elasticidade á peza. Iso significa que aproveitamos ao máximo esta pedra natural, iso é sostibilidade”, explica Miguel Ángel González.

Esta lámina está composta nun 28% por lousa galega, nun 11% por fibra de vidro e nun 61% por resina de poliéster e preséntase nestes momentos en catro pedras de catro cores diferentes: negro, gris, verde e multicor. “Facemos sobre todo lousa, pero este produto tamén se pode elaborar con tipo de pedra que exfolie, por exemplo, a cuarcita”, continúa este empresario valdeorrés.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(A reportaxe íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil de abril).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button