ConcellosGalerías de fotosÚltima horaVilamartín

Unha visita guiada descubre a singularidade e os novos achádegos do Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras)

Esta actividade, que reunía a unhas 70 persoas, vén de completar a terceira campaña de escavación de Sputnik Labrego neste xacemento tardorromano

 

Co obxectivo de ampliar os espazos intervidos nos dous anos anteriores, o pasado 3 de maio o equipo de Sputnik Labrego iniciaba unha nova campaña de escavacións no xacemento tardorromano do Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras). Esta intervención chega agora á súa fin, tras tres semanas de intenso traballo e descubrimentos. Os investigadores completábana cunha exitosa visita guiada ao xacemento nesta tarde deste 20 de maio, coa participación dunhas 70 persoas.

O punto partida da visita era a Fonte de Valencia do Sil, onde se organizaban dous grupos, un deles estaba guiada polo arqueólogo Carlos Tejerizo e o outro por varios estudantes do Máster Mestrado Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, xa que, por segundo ano consecutivo, este xacemento valdeorrés convertíase en escola de arqueoloxía. Nese punto os asistentes xa recibían unha introdución sobre o Castelo de Valencia do Sil e proxecto e actuacións que se están a desenvolver en torno a el.

 

Mostra de cerámica “terra sigillata” atopada nesta campaña en Valencia do Sil./ Cedida.

 

Deseguido iniciábase o ascenso ao castro no que, para facilitar o traxecto, facíase unha parada a metade do percorrido onde os guías interviñan novamente para falar sobre a escavación e importancia deste asentamento tardorromano. Unha vez chegados ao castro, os asistentes a visita podían coñecer o detalles da escavación e ver os diferentes lugares nos que se leva escavado. Nesta tereira campaña, financiada polo Concello de Vilamartín de Valdeorras e o grupo de investigación SÍNCRISIS (Universidade de Santiago de Compostela) permitiu avanzar no coñecemento e precisar máis datos sobre o sitio de Valencia do Sil, pero tamén abre novos interrogantes e liñas de investigación, tal e como comentaba Carlos Tejerizo, director da intervención, que fala de dous momentos de ocupación: un no cambio de era e outro entre mediados do século IV e o século V, no que se prodecía ao seu abandono dunha maneira ordenada, tal e como contan os restos recuperados.

Así este ano seguíase traballando na fase de grande ocupación do século cuarto (onde décadas atrás escavaba tamén o grupo valdeorrés “Os Escarvadores” , atopando novas estruturas como parte dun alcantarillado e tamén dunha rúa, “o que nos indica que o xacemento é moito máis complexo do que pensabamos inicialmente”. Aparecían así mesmo multitude de fragmentos cerámicos (entre eles de terra sigillata), moedas romanas, elementos dun muíño, un pondus (pesa) dun tear, moedas e multitude de escouras, o que fai pensar aos investigadores na importancia deste lugar dende o punto de vista mineiro e produtivo en época romana.

 

O director da intervención arqueolóxica, Carlos Tejerizo, durante a visita guiada./ Foto cedida.

 

Sputnik Labrego destaca o interese deste xacemento e aposta por darlle continuidade a este proxecto de posta en valor do mesmo. Nesa liña conta co respaldo do Concello de Vilamartín, cuxo alcalde, Enrique Álvarez, era unha das persoas participantes na visita guiada. “A valoración desta campaña é moi positiva e, nun principio, dende o Concello imos seguir apoiando economicamente isto”, resalta o rexedor, que incide en que os achádegos apuntan a que é un “xacemento moi prometedor”.

Dende Sputnik Labrego tamen se agradece o respaldo do Concello, así como a acollida de Valdeorras, dos veciños de Vilamartín e, de xeito especial, dos de Valencia do Sil.

Fotos cedidas.

Máis información:
https://osil.info/enrique-alvarez-duas-antigas-vivendas-de-ibedrola-seran-convertidas-en-albergues-en-valencia-do-sil/

Artigos relacionados

Back to top button