ConcellosÚltima hora

Unhas 150 persoas na “Andaina contra a violencia de xénero”, polo Camiño de Inverno en Valdeorras

A ruta, dende Pumares ata Sobradelo, estivo organizada polo GDR Valdeorras

 

No marco do proxecto “O rural contra a violencia de xénero”, na mañá deste sábado 13 de novembro celebrábanse de xeito simultáneo 24 andainas organizadas polos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) de toda Galicia.

No territorio da Asociación GDR Valdeorras (que inclúe aos 9 concellos da comarca) escollían un percorrido de 5,5 km adecuado para todos os públicos pertencente ao Camiño de Inverno, que comezaba na Igrexa Virxe da Estrela de Pumares (Carballeda de Valdeorras) rematando diante do Centro Social de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), no que participaban unhas 150 persoas.

A organización dispuxo dun servizo de microbús (previa inscrición) que partía da Rúa con parada en Vilamartín e O Barco, comezando a actividade en torno ás 10:30h. co encontro dos participantes  fronte a Fonte en Pumares, para entregar agasallo e sinatura de documento de responsabilidade Covid-19. Media hora máis tarde tiña lugar a saída desde a Igrexa Virxe da Estrela, rematando a ruta en Sobradelo coa lectura do manifesto conxunto en contra da violencia de xénero por parte da presidenta do GDR Valdeorras, Mª Carmen González Quintela, con posterior degustación de produtos da comarca.

 

Andaina polo Camiño de Inverno.

 

A Axencia de Desenvolvemento Rural, responsable de coordinar todos os grupos de desenvolvemento rural da comunidade, é a artífice desta iniciativa, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade e da Axencia de Turismo de Galicia e que se inscribe no acordo da Xunta para implementar as medidas propostas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero. Foron os propios 24 GDR os que deseñaron e organizaron un completo programa de actividades socioculturais nos municipios que engloban e cuxo acto central é a andaina popular que ten lugar hoxe.

Entre as accións programadas polos GDR deica o 25 de novembro, encóntranse exposicións, concursos de debuxo e fotografía, concertos, proxección de documentais con testemuños de vítimas de violencia machista, actividades e charlas en colexios, teatro ou puntos de atención itinerantes para vítimas de violencia machista.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button