En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Unhas 200 persoas asisten á VII Festa do Botelo do Barco en Vigo

Un ano máis, a cita gastronómica tiña lugar no restaurante do Hotel Coia

 

Foi seguramente a edición máis numerosa ata o momento. Máis de 200 persoas asistían no mediodía deste sábado 7 de marzo a unha nova cita co Botelo do Barco. A terceira do ano, desta volta na cidade olívica.

Despois do multitudinario xantar no Barco de Valdeorras para conmemmorar o XX aniversario da festa gastronómica (con preto de 2.000 persoas entre o pavillón e os restaurantes); e dun salón completo na VIII edición da cita na Coruña; o Hotel Coia acollía por sétimo ano a Festa do Botelo en Vigo. Un exitoso xantar exquisitamente elaborado no que non faltou a tradicional empanada de maravallas barquense (elaborada por Panadería Santigoso), a sopa e o suculento botelo (de Embutidos García Marcos) cocido con patacas e grelos. De postre tarta xeada e torta de roxóns (tamén de Panadería Santigoso). E para beber, viño da D.O. Valdeorras, branco da Adega D´Berna  e o tinto Valdouro da Cooperativa Xesús Nazareno de O Barco.

 

O alcalde do Barco Alfredo García.

 

Un ano máis, ao acto asistiron como representación institucional o alcalde do Barco, Alfredo García  e a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, acompañados polo alcalde de Vigo, Abel Caballero; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e o deputado Santos Héctor, que eran testemuña, xunto ao resto de asistentes (moitos veciños do Barco) á unha peculiar presentación a cargo do actor e contador de historias Avelino González, o pregoeiro este ano na festa no Barco.

 

O alcalde de Vigo Abel Caballero durante a súa intervención.

 

Cunha copa de viño, igual que fixera no Teatro Lauro Olmo, o artista vigués de San Andrés dirixiuse ao público entre as mesas coa simpatía e a fina ironía que o caracteriza, facendo de novo comparativas entre Vigo e O Barco, burlándose dos periodistas madrileños que alá polo ano 1928 cando se xogou o primeiro campionato de liga de fútbol, aseguraban que Vigo (e tamén O Barco) quedaba lonxe: “lonxe de onde?” dixo, “se aquí nese momento había suecos, noruegos, ingleses, e chegan os de Madrid é di que queda lonxe…”

 

Alfredo García partindo o botelo.

 

Entre bromas, risas e comparativas, Avelino cedía o palabra ao alcalde do Barco para dar a benvida e as grazas aos asistentes, puntualizando unha vez máis que o que ían degustar era “botelo (do Barco), non botillo (do Bierzo), nin butelo (da Fonsagrada)”. De seguido collía o micrófono o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero asegurando entre bromas que “Vigo ten todo o mellor do mundo pero teño que recoñecer que O Barco de Valdeorras é un pouco máis grande que o de Coia, e esta é unha festa excepcional, polo botelo, pero sobre todo polos lazos de amizade que nos unen co Barco, co seu alcalde e concelleira,…”. Caballero recoñeceu que co tempo valora cada vez máis a amizade e “hoxe compartimos unha ponte entre as dúas localidades”. Sen deixar de facer referencia ás famosas luces de Nadal, o dirixinte vigués remataba a súa intervención asegurando que sobre todo estaba alí “porque me encanta o botelo”, loando a cada pouco o produto cárnico por excelencia do Barco.

 

Vista xeral do restaurante do Hotel Coia de Vigo, durante o xantar.

 

O de Vigo foi o último acto promocional do botelo desta tempada eo Concello do Barco segue traballando para dar a coñecer o embutido rei do inverno valdeorrés, o Botelo. A Festa do Botelo é Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button