PolíticaÚltima hora

Unhas 200 persoas súmanse á andaina para pedir o arranxo da estrada vianesa de San Agostiño

Esta camiñata, convocada polos socialistas de Viana do Bolo, partía na mañá do 1 de xullo dende O Toural, tras a lectura dun manifesto

“Estamos hoxe aquí para demandar un dereito básico dos veciños residentes nas aldeas por onde circula este vial, que é garantir a súa mobilidade sen pór en risco a vida nin os seus vehículos”. Deste xeito comezaba o “manifesto a prol do arranxo da estrada de San Agostiño”, ao que daba lectura na mañá do 1 de xullo un dos veciños das 20 localidades que une este vial no marco da andaina organizada polo PSdeG-PSOE de Viana para reivindicar obras de mellora nesta estrada.

Esta “vía é importante para o desenvolvemento económico e social do noso concello, unha das súas arterias principais, é por iso que estamos todos hoxe aquí despois de anos de loita, e de ver como a degradación e deterioro vai a máis cada día. É moi duro dicilo, máis neste intre a maior preocupación é garantir a vida dos veciños”, continuaba o manifesto. Nel pedían as ádministracións (local, provincial e galega) e a Endesa “que aporten o necesario para o seu “inmediato arranxo”.

 

Un dos momentos da lectura do manifesto, antes de iniciarse a andaina, no Toural de Viana.

Tras a lectura do manifesto, unhas 200 persoas comezaban un percorrido a pé ata San Agostiño para denunciar o “lamentable estado” da estrada que usan “diariamente 900 veciños e o transporte escolar”, e que comunica “dúas comunidades autónomas: Galicia e Castela e León”.

 

Algúns dos asistentes, antes de iniciar a camiñata en Viana.

 

Desde o PSdeG de Viana valórase de maneira moi positiva a resposta a este acto reivindicativo, cualificando a convocatoria de “éxito”. Tamén sinalan os socialistas que, “malia telo comunicado aos dous patidos da Corporación moito antes do anuncio da mesma, soamente acudiron un concelleiro de cada un deles. Botouse en falla a ausencia do alcalde e doutros membros da Corporación”.

Ademais o partido socialista de Viana agradece “a participación dos veciños, aos que prometemos seguir con outras convocatorias ata acadar a solución definitiva do problema na estrada”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button