EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

400 persoas celebran en Piñeiro o 25 aniversario da Cea do Cocido

A orquestra Olympus foi a encargada de poñer o broche musical coa sesión verbena

Un bo menú, música e ganas de festa. É o que necesita unha cita gastronómica para ser todo un éxito e en Piñeiro (A Pobra de Trives) teñen a lección ben aprendida reunindo cada ano a centos de persoas en torno á Cea do Cocido coa que abren as festas de San Sebastián.

Este ano non foi unha excepción e unhas 400 persoas asistían, na noite do 25 de xaneiro, á festa coa que celebraban o 25 aniversario da Cea. Tal como explica Justo Rodríguez, o alma máter da iniciativa, a xente acude cada vez máis tarde e pasaban das nove e media cando a carpa climatizada colgaba o cartel de completo. No interior coma sempre moita mocidade pero tamén xente de diferentes idades, da contorna e doutros puntos algo máis afastados como A Rúa ou O Barco, e un bo número de colaboradores que á hora de servir ofreceron prestos a súa axuda.

O apartado musical da velada correu un ano máis a cargo da charanga Nova Terras de Trives aínda que o prato forte chegaba xa de madrugada coa actuación da orquestra Olympus que, atopa en plena xira, puxo o ritmo á intensa noite. Pero antes, xusto no momento en que a xente degustaba a bica, o café e os licores, Justo procedía á subasta dunha matanza caseira (dous xamóns, dous lacóns, varias docenas de chourizos, androllas, soá,… e ata o unto) e o sorteo dos 500 euros entre as rifas vendidas a 1 euro no propio recinto. Tamén tiña lugar o tradicional sorteo de agasallos, no que participaban co número de entrada, cedidos polos colaboradoras (Xiana, Dielectro, Embutidos Pío, Alipros, a propia orquestra Olympus, Pulpería Dori, Mercería Marina e o Pazo da Pena, entre outros). Tamén se sorteou un cadro pintado por Antonio Rubio “un dos colaboradores que máis me ten axudado este ano, que cada ano vén de Madrid só para a Cea”, asegura Justo, lembrando que non resulta doado manter a festa, aínda que ver a toda esa xente desfrutando, sempre anima.

O acto central foi onte pola noite, pero a celebración do San Sebastián continúa na fin de semana. Hoxe é o día no que se honra ao patrón de Piñeiro coa procesión e misa en torno ás 13 horas, co acompañamento musical do grupo de gaitas Os Trintas de Trives que amenizarán tamén a sesión vermú. A verbena correrá a cargo do grupo Tekila. Mañá, domingo 27 de xaneiro, tamén haberá procesión e misa (13h.) co acompañamento musical da Coraliña Cantora, que porá o broche na sesión vermú.

Artigos relacionados

Back to top button