CulturaCulturaÚltima hora

Unhas 50 máscaras do Entroido da provincia, nunha mostra en Ourense en marzo

Esta iniciativa, promovida polo Concello de Ourense, reunirá elementos cedidos por 34 concellos, por asociacións culturais e por particulares

As Mázcaras de Manzaneda (na ronda pola vila no Entroido do 2020) figurante entre as máscaras ourensáns que poderán verse na exposición./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

O Concello de Ourense organizará, durante o mes de marzo na Sala Valente, unha gran exposición con máis de 50 figuras tradicionais do Entroido ourensán. “Canceladas todas as grandes celebracións do evento máis sinalado do ciclo festivo da cidade, sen hostalaría nin actos culturais”, explica o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, “o goberno municipal decidiu aprazar a exposición de personaxes”, di, cuxa apertura estaba prevista para o mes de febreiro, coincidindo co Entroido.

Os elementos que se exporán proceden de cesións realizadas por 34 concellos (hai 44 localidades representadas), por asociacións culturais e por particulares, e non faltarán máscaras como as Pantallas, Peliqueiros, Cigarróns, Boteiros ou a Morena de Laza. Porén. A mostra contará tamén “con traxes descoñecidos para o grande público: amosaranse, por vez primeira, traxes recuperados logo de anos de estudo e de investigación antropolóxica ao longo da provincia”, adiantan dende o Concello de Ourense.

Xunto cos personaxes e os seus elementos, tamén se poderá coñecer grazas a esta exposición o traballo de recuperación de tradicións esquecidas na cidade de Ourense: é o caso dos domingos de cacharelas -o equivalente na cidade do domingo oleiro- ou as tradicionais líricas, pezas satíricas propias do Entroido ourensán semellantes ás que coñecemos doutras latitudes, coma as chirigotas gaditanas.

Artigos relacionados

Back to top button