EconomíaEconomíaÚltima hora

Unhas 500 persoas, na I Festa da Cervexa Artesá no Castro da Cabeciña

O evento tiña tamén como obxectivo seleccionar unha cervexa que se comercializará co nome deste xacemento
Participantes nesta I Festa da Cervexa da Cabeciña.
Participantes nesta I Festa da Cervexa da Cabeciña.

A I Festa da Cervexa da Cabeciña, celebrada no castro homónimo de Mougás (Oia, Pontevedra), reunía o 6 de xuño a unhas 500 persoas. No seu decurso podían probarse catro tipos diferetes de cervexas elaboradas polos irmáns Roberto e Andrés Toledano de Trisk-Ale. Ademais elixíase, por votación popular, cal delas se porá á venda proximamente baixo o nome deste xacemento.

Os catro estilos repartidos en oito barrís servíanse ao longo da toda a festa, dende o seu inicio ao mediodía ata as 7 da tarde cando estaba programado o peche de billas. Os asistentes ían votando nunha urna a súa favorita. A cervexa máis puntuada era a American Amber Ale, numerada co tres durante a cata, rebautizada agora como cervexa A Cabeciña. Dela destacaba o seu carácter aromático e refrescante.

“Estamos moi satisfeitos co resultado da festa; probamos unhas cervexas exquisitas e ademais demostramos que o Castro da Cabeciña pode ser un espazo de lecer no século XXI e mesmo unha marca baixo a que distribuír produtos da zona”, aseguraba Xosé Gago, coordinador de Proxecto Mougás.

Os irmáns cervexeiros calculan que entre dúas e tres semanas a cervexa estará á venda en bares da contorna de Oia e arredores e nos circuítos habituais de Trisk-Ale.

Artigos relacionados

Back to top button