En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Unhas 550 persoas percorren Celavente (O Bolo) de forno en forno

A XI edición da ruta turístico-gastronómica tiña lugar na xornada do sábado 28 de abril

Durante boa parte da semana a previsión meteorolóxica anunciaba auga para o sabado 28 de abril. Pero finalmente a xornada amencía soleada (aínda que caeron unhas pingas de treboada) permitindo que a XI Ruta dos Fornos fose todo un éxito. Non só en canto á asistencia cunhas 550 persoas, senón pola organización a cargo da ACAR Celavente, que un ano máis puxo todo da súa parte na cita á que cada ano acude xente de diferentes partes de Galicia (A Coruña, Vigo,…) e tamén de Madrid e Asturias, entre outros.

Moitos repiten ano tras ano, pero outros asistían por primeira vez, sorprendidos polo percorrido. Un ruta que comezaba pasada a unha da tarde, despois do pregón a cargo de Juan Corzo, que adicou os seus poemas aos labores do campo como a sega ou a seitura.

Despois, xarra en man, os participantes saían rumbo ao primeiro forno, o do Viduedo. De aí continuaban ata o dos Ortos na zona alta do pobo. E a partires de aí comezaba a baixada rumbo ao Forno de Outeiro, co desvío ata a Adega da Capilla, despois o Forno do Fondo, o do Campo e o do Cima. E en cada parada un aperitivo: de chourizo con pan, empanada, morro, orella e xamón cocidos, xamón asado, doce de castañas, roscón e torta ademais de auga, viño e licores.

O apartado musical correu por conta da charanga Compostela e do grupo de cantos de taberna Ouruxobruxo ao longo do percorrido; e da discoteca móbil Danzalia xa na praza para pechar a festa.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button