EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Unións Agrarias di que o prezo da uva ten que aumentar debido ás perdas das xeadas

O sindicato apelou á lei da oferta e da demanda e asegurou que denunciarán ás adegas que traian uva de fóra
Mariano López e José Ramón González. // Foto: Carlos Asensio.

O responsable de Agricultura do sindicato Unións Agrarias, José Ramón González, asegurou hoxe, 24 de agosto, que debido ás perdas destes últimos meses nas colleitas das diferentes D.O. “polos danos da xeada”, dixo, o prezo da uva vai aumentar. A situación de mercado, explicou o representante sindical, é que “hai un 60% menos de produción” e polo tanto “é de entender que o prezo da uva suba”.

Dende Unións Agrarias apelaron “á lexislación vixente”, é dicir, “que entre os agricultores e a adega ten que haber un contrato estable, por escrito, e co prezo de referencia e antes de que comece a vendima” pero, segundo asegurou José Ramón González, a día de hoxe “non vemos movemento por parte das adegas”. Segundo este responsable sindical, a negociación entre agricultores e adegas polo prezo da uva “tiña que comezar xa” e reiterou que o prezo ten que aumentar “xa que hai un 60% menos de produción”.

Neste senso, José Ramón González apelou á lei da oferta e a demanda: “cando hai moita uva o prezo baixa entón, agora, ao haberes menos uva, o prezo que se asine nos contratos ten que ser máis elevado”.

Asemade, para que todo isto se cumpra , dende o sindicato Unións Agrarias “vamos a esixir medidas de control”, asegurou González, para que “non entre uva de fóra”. Porque esta tesitura pode darse nas diversas D.O. ourensás ao caeres a produción, aseguraron. Entre esas medidas van pedir un “muestreo” antes da vendima para “intentar facer unhas estimacións estatísticas da produción que hai en toda a denominación de orixe”, é dicir, manter un control dende a base.

González concluíu dicindo que a vendima do 2017 é “a peor vendima que se recorda en moito tempo” e asegurou que os produtores “estamos ante unha situación moi delicada” que vai tardar moitos anos en recuperar.

Ribeira Sacra

Pola súa banda, o representante sindical da Ribeira Sacra, Mariano López, asegurou que nos canóns do Sil e do Miño “a colleita é boa” e asegurou que esta bonanza “poderá tapar as perdas producidas polas xeadas nos concellos de Pantón, Ribas de Sil, Quiroga e Monforte”. Así é todo, Mariano López asegurou que ás adegas vanlle esixir contratos e prezos apelando tamén á lei da oferta e da demanda.

Ao mesmo tempo, no tema dos pagos das adegas, Mariano López asegurou que van denunciar a aquelas que non paguen aos 60 días “tal e como marca a lei”, dixo, xa que houbo adegas “que aínda remataron de pagar agora a uva do ano pasado.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button