EconomíaEconomía

Universidade e Deputación promoven alianzas comerciais e académicas con Israel

Manuel Baltar, Raanan Rein e Virxilio Rodríguez.

A Deputación está a levar a cabo unha misión institucional, académica e empresarial na capital de Israel, Tel Aviv, para promover alianzas comerciais e de transferencia tecnolóxica con empresas e universidades de Israel, co obxectivo de establecer liñas de investigación entre o Campus de Ourense e a Universidade de Tel Aviv e tamén para abrir novas oportunidades de negocio para empresas ourensás dos ámbitos tecnolóxico, agroalimentario, turístico e industrial, entre outros sectores.

A axenda de traballo do presidente da Deputación, Manuel Baltar, inclúe encontros con investigadores, empresarios e co embaixador de España en Israel, Manuel Gómez-Acebo, para explorar liñas de innovación e cooperación para empresas ourensás e para o Campus de Ourense, co apoio da Deputación, quen promoveu estes encontros a instancias das empresas e institucións ourensás.

O presidente da Deputación destacou a importancia de potenciar as exportacións ourensás a Israel, “unha cifra que se triplicou desde 2014 e que pretendemos que se siga incrementando, pois nos ámbitos de negocio e cooperación que centran esta misión a provincia de Ourense ten moito que achegar en innovación, coñecemento e competitividade”, afirmaou Baltar. En 2016 as exportacións españolas de bens a Israel ascenderon a 1.455 millóns de euros, e España exportou a Israel o dobre do que Israel exportou a España.

Nesta viaxe, de marcado carácter económico e académico, tamén estiveron presentes o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez; o director de Desenvolvemento de Negocios de Excem Technologies, Isaac Chocron e representantes das empresas Coren, UNVI, Egatel, Welkin e Grupo Caldaria.

No que atinxe ao ámbito académico e de investigación, o presidente do Goberno provincial e o vicerreitor do Campus de Ourense mantiveron unha reunión co vicepresidente da Universidade de Tel Aviv, Raanan Rein, con quen acordaron establecer convenios de colaboración en materia de augas e medio ambiente, dado o singular carácter de especialización do Campus da Auga en Ourense, e tamén avanzaron en determinar ámbitos de colaboración en seguridade cibernética, ciencias aeroespaciais, intercambio de alumnos e profesores, e desenvolver proxectos conxuntos en materia de produción e seguridade agroalimentaria, investigar sobre a historia sefardí na provincia de Ourense e co-dirixir teses doctorais entre ámbas as dúas universidades (Vigo –no Campus de Ourense- e Tel Aviv).

Por outra banda, no encontro que Manuel Baltar mantivo con embaixador de España en Israel, abordaron establecer liñas de colaboración para favorecer unha maior presenza de empresas ourensás en Israel. No encontro participaron tamén Miguel Moro Aguilar, segunda xefatura da embaixada, e José María Blasco Ruíz, conselleiro económico e comercial da delegación española en Tel Aviv. Neste sentido, o embaixador destacou o crecente interese israelí polo mercado español, o que abre importantes expectativas para sectores como o das infraestruturas, o tecnolóxico, o agroalimentario e o industrial, entre outros, apuntan dende a Deputación.

 

Artigos relacionados

Back to top button