Ourense

Universidade, Nortempo e a Agrupación Padre Silva traen ao Liceo a cinco modelos educativos de referencia en España

 

Os relatorios serán no Liceo de Ourense.

A Fundación Nortempo organiza unha xornada, para o vindeiro venres 21 de abril no Liceo, titulada “Modelos Educativos Innovadores”. Nesta cita, que se fai en colaboración coa facultade de Ciencias da Educación de Ourense e a Asociación Cultural Padre Silva, reunirán a cinco experiencias educativas de referencia en España “pola súa filosofía e metodoloxía pedagóxicas baseadas na renovación e a formación para a integración”, aseguran.

O director do colexio ourensán Chen-Cho-Shey, Antón Gómez; a agrupación Jesuítas de Cataluña, representada polo director xeral do colexio Claver Raimat de Lleida, Javier Puyol; a rede de vinte centros de Donosti do sistema Amaia Berri, onde xogo, reflexión e equipo sustentan a aprendizaxe, presentada polo seu coordinador Emilio Martín; o misioneiro salesiano de grande recoñecemento en América Latina por liderar proxectos formativos para mozos e xoves desfavorecidos, Juan Linares Muñz, e o especialista portugués en educación intercultural e para a paz, Américo Nunes Peres, porán en común filosofía, obxectivos, liñas e métodos de traballo para a educación do século XXI dende unha perspectiva global. Participarán, ademais, o presidente da fundación Nortempo e da Asociación Cultural Padre Silva, Bartolomé Pidal; o vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación en Ournese, Xosé Manuel Cid; e o coordinador dos Encontros en Vilavella, o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, Jaime Rodríguez-Arana.

Reactivar o legado da Cidade dos Muchachos

A xornada sobre Modelos Educativos Innovadores persegue, ademais, a busca de sinerxías e futuras colaboracións entre os centros participantes, as entidades organizadoras e a Asociación Cultural Padre Silva, para recuperar o proxecto formativo da Cidade Dos Muchachos e Ourense como referentes educativos innovadores e de excelencia, cun compoñente social primordial cara aos colectivos máis vulnerables. Neste senso, a directiva da Asociación Cultural Padre Silva acordou, na súa última asemblea do pasado 1 de abril, organizar e levar a termo as diversas actividades e eventos que teñan por obxecto recuperar o proxecto de Bemposta dende o punto de vista cultural e socia.

Artigos relacionados

Back to top button