SanidadeÚltima hora

Universitarios estadounidenses fan prácticas pregrao de Medicina no Hospital Universitario de Ourense

Con este período de prácticas observacionais ou “sombra” os futuros médicos coñecen de primeira man o funcionamento dun servizo de saúde europeo e o traballo dos e das especialistas

Publicidade

 

Os estudiantes coa xefa de estudos da comisión de docencia da Área Sanitaria, Sandra Pardo.

 

Dez universitarios “Pre-Med”, paso previo a iniciar os estudos de posgrao en Medicina, nas universidades norteamericanas, comezaron esta semana un programa de “prácticas observacionais” en diferentes servizos do Hospital Universitario de Ourense, no marco do programa “Atlantis Project”, que facilita esta experiencia en numerosos hospitais europeos.

Con esta iniciativa, os futuros médicos coñecen de primeira man o funcionamento interno dun hospital do sistema de saúde europeo, que destaca pola súa eficiencia en canto as taxas de saúde poboacional ou ratios de esperanza de vida.

Participar no programa aporta unha experiencia valiosa aos estudantes, valorada polas facultades de medicina estadounidenses cara a súa admisión, mentres que en paralelo, posibilita aos profesionais o intercambio na práctica do idioma, a nivel de conversación e de vocabulario técnico.

A diferenza de Europa, nos Estados Unidos non se pode estudar medicina ao acabar o bacharelato, xa que se consideran uns estudos de postgrao. Por elo deben cursar antes un grao nalgunha das carreiras de ciencias da saúde como Bioloxía, Química ou “Pre-Medicina”. Unha vez se graduan e superan o exame de admisión en medicina (Medical College Admissions Test ou MCAT), poden solicitar o ingreso nunha facultades de Medicina.

Nas prácticas teñen a oportunidade de seguir aos profesionais, na súa xornada de traballo, para coñecer as súas funcións. Observando, sen participar na asistencia ou técnicas que realizan nos distintos servizos, sempre dacordo coas directrices da Asociación Americana de Facultades de Medicina (AAMC-Association of American Medical Colleges).

Coa chegada dos estudantes retómase o programa que se ven desenvolvendo en Ourense desde 2015, e que se suspendeu os dous últimos anos pola pandemia. As prácticas son de curta duración, coincidindo cos períodos vacacionais das universidades americanas, e nelas participan grupos reducidos de entre seis e dez estudantes, que van rotando, ao longo deste tempo, por diferentes servizos.

Os dez universitarios rotarán ao longo das próximas catro semanas, de luns a xoves ata o 22 de xullo, polos Servizos de Anestesia, Unidade da Dor, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, Traumatoloxía, Cirurxía Vascular, Oncoloxía Médica, Cardioloxía, Nefroloxía, Urxencias, Reumatoloxía, Radiodiagnóstico e Psiquiatría.

Esta colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e Atlantis, coordínase entre a Subdirección Xeral de Investigación, Docencia e Innovación do Sergas e as Unidades de Docencia dos distintos hospitais de Galicia, que a súa vez adaptanse á dispoñibilidade para participar no programa do persoal dos servizos e ao número de estudantes que poden admitir.

Artigos relacionados

Back to top button