CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Universitarios ourensáns aprenden sobre iniciativas de participación cidadá do Parlamento de Galicia

Foi o presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices, así como ex deputados os que lles explicaron e animaron a que usasen estes mecanismos

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, animou hoxe, 6 de novembro, en Ourense ao estudantado universitario a “coñecer e facer uso” das diferentes posibilidades de participación cidadá que ofrece a Cámara galega.

Santalices inaugurou esta mañá, na Facultade de Dereito do Campus de Ourense, o ciclo de relatorios divulgativos sobre o Parlamento dirixidas ao estudantado universitario. Estas charlas son impartidas por ex deputados da Cámara e xurdiron no ano 2011.

Na charla de hoxe, participaron tamén o ex presidente do Parlamento Tomás Pérez Vidal e os ex deputados Alberte Xullo Rodríguez Feixóo e Ismael Rego González.

Pluralidade

Santalices Vieira explicou que o protagonismo dos exdeputados obedece a dúas razóns: á súa experiencia e á necesidade de tomar distancia respecto aos debates de actualidade e as disputas partidistas que con frecuencia se suceden no Parlamento. A pluralidade das charlas queda garantida coa participación de ex deputados/as que participaron na política activa a través de grupos parlamentarios diferentes.

Na súa intervención, o titular da Cámara explicou as diferentes posibilidades de participación cidadá que ofrece actualmente o Parlamento, e que inclúen figuras como as proposicións de lei de iniciativa lexislativa popular (para as que se requiren 10.000 sinaturas, fronte ás 15.000 necesarias ata 2015); a participación popular na elaboración das leis (a cidadanía pode enviar propostas ou suxestións aos textos legais en tramitación); a participación popular no impulso da acción de goberno a través de proposicións non de lei (precisan o respaldo de 2.500 sinaturas); a participación popular no control ao Goberno (posibilidade de propoñer preguntas ao Executivo); ou o dereito de petición perante o Parlamento de Galicia.

Miguel Ángel Santalices explicou tamén que o portal xurídico galego lex.gal, impulsado polo Parlamento de Galicia coa colaboración da Xunta e da Universidade de Santiago, ofrece, de balde, unha base de datos de lexislación galega consolidada.

O presidente do Lexislativo galego animou ao estudantado a coñecer o Parlamento de Galicia a través do programa de visitas guiadas que a Cámara pon a disposición de toda a cidadanía.

Artigos relacionados

Back to top button