Deportes

Uns 1.850 deportistas de Galicia e Portugal participan nos Xogos do Eixo Atlántico que se celebran en Lugo

A delegación barquense está formada por 43 membros e participarán en baloncesto, fútbol e atletismo

Unha serpe multicor percorría o centro de Lugo na tarde do 4 de xullo. Era o desfile inaugural dos XII Xogos do Eixo Atlántico nos que dende mañá 5 de xullo e ata o domingo día 9 competirán preto de 1.850 deportistas galegos e portugueses.

Con camisetas de todas as cores e as bandeiras identificativas, a comitiva partía da rúa de San Marcos precedida dunha representación de romanos e castrexos de Lugo seguida das delegacións dos concellos participantes en tres bloques encabezados cada un por representantes de elementos culturais destacados da Eurorexión: os Cigarróns de Verín, os cabezudos da Nosa Señora de Agonía (Viana do Castelo) e os caretos do carnaval trasmontano de Macedo de Cavaleiros e Bragança.

Despois de percorrer boa parte do centro de Lugo, pasando pola praza Maior, a comitiva chegaba á praza de Santa María onde tiña lugar o acto de apertura, contando coa presenza dos alcaldes e concelleiros de Deportes de cada un dos concellos participantes no evento deportivo, entre eles os do Barco de Valdeorras, Alfredo García e Aurentino Alonso. A primeira en falar era a alcaldesa de Lugo Lara Méndez, quen deu a benvida aos asistentes que “van a desfrutar dunha semana de convivencia multicultural”, convertendo esta iniciativa nun “referente internacional”. O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, lembrou que esta é a primeira vez que os Xogos se celebran no interior de Galicia, aconsellando aos deportistas que xoguen limpo e desfruten.

Os Xogos celébranse dende o ano 1995, e ao longo deste tempo pasaron por bos e malos momentos. Ppor iso, non acto quixeron lembrar e recoñecer o traballo daqueles lugares e persoas que dun xeito ou outro contribuíron a promocionar e impulsar esta iniciativa. É o caso do municipio de Vila Nova de Gaio (Portugal) que recibíu o trofeo do Xogo Limpo Nelson Cardosa; e de dous funcionarios da área de deportes, o portugués Vicente Sousa e o ourensán Miguel Domínguez, que forma parte da organización dende o principio, sendo un dos promotores do regulamento oficial dos campionatos.

Tralas intervencións e as homenaxes, o presindente do Eixo, Ricardo Rio, aseguraba que “aquí non vai gañar o mellor senón que gañará a Eurorrexión” antes de inaugurar oficialmente esta edición dos xogos que se desenvolverán en tres escenarios. Lugo acollerá as modalidades de fútbol, no campo municipal das Gándaras; baloncesto, no Pazo Provincial dos Deportes; atletismo e atletismo adaptado, nas Pedreiras; e natación e natación adaptada nas piscinas municipais de Frigsa. As competicións de voleibol celebraranse en Monforte e as de balonmán e ximnasia rítmica, en Sarria. A clausura terá lugar o día 9, na Vella Cárcere, data na que tamén se celebrarán as finais.

Nesta edición dos xogos están representados 29 municipios e entidades de Galicia e do norte de Portugal: Lugo, Monforte, Sarria, Ourense (con 130 deportistas que competirán en todas as disciplinas), Pontevedra, O Carballiño, Santiago, Barco de Valdeorras (cunha comitiva de 43 persoas entre deportistas e adestradores que competirán en baloncesto, fútbol e atetismo), Carballo, Vigo, Vilagarcía, Riveira, Narón, A Coruña, Macedo de Cavaleiros, Matosinhos, Porto, Famalicão, Braga, Peso da Régua, Bragança, Maia, Vila Nova de Gaia, Vila Real, Valongo, Viana do Castelo, Guimarães, Santa Maria da Feira e a Eurocidade Chaves-Verín (cun equipo de natación e outro de fútbol).

Antes de comezar a cerimonia de inauguración, Alberto Rivero presentou ou programa “A Tarde” da Radio Galega, en directo dende Lugo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button