En portadaÚltima hora

Uns 257.826 ourensáns están chamados ás urnas nesta xornada electoral do 12X

Poderán votar en 542 mesas instaladas en ata 419 locais electorais. A esta cifra de votantes hai que engadir aos 101.403 inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes

 

Un total de 2.234.140 galegos (dos que 463.182 son residentes no estranxeiro) están chamados ás urnas neste 12 de xullo para elixir aos 75 deputados que os representarán no Parlamento de Galicia. Dese total de electores residentes en Galicia, 257.826 serán ourensáns, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatítica (INE). Na provincia de Ourense decidiranse un total de 14 escanos.

Os ourensáns poderán votar en 542 mesas instaladas en ata 419 locais electorais. Estas serán ademais unhas eleccións marcadas polas medidas de seguridade sanitaria fronte ao Covid-19.

O censo electoral para estas eleccións ao Parlamento galego ascende a 2.697.315 persoas xa que, aos máis de 2,2 millóns de electores censados en Galicia, hai que sumarlle os 463.163 inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA), dos cales 101.403 son ourensáns.

Constituídas o 100% das mesas electorais

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, sinalaba esta mañá na súa primeira comparecencia ás 10:30h. que a xornada electoral comezou sen incidencias salientables e co 100% das mesas electorais xa constituídas: 3.952 distribuídas en 2.395 locais electorais.

Tamén precisou que só se rexistraron as incidencias habituais por algún atraso dos membros das titulares de mesas ou atraso na comunicación de que a mesa estaba constituída. Todos estes casos xa foron solucionados e nestes momentos os locais están funcionando con total normalidade.

Na súa segunda comparecencia, ás 12 horas, Villanueva indicaba que máis do 19 por cento dos electores galegos tiñan exercido xa o seu dereito ao voto, o que supón un incremento con respecto aos anteriores comicios. Así nas eleccións de 2016, a participación a esta mesma hora era de arredor do 15 por cento.

O electorado contará con máis de 32 millóns de papeletas e 3,3 millóns de sobres de votación. Ademais, e como medidas de prevención á covid-19, poranse a disposición dos electores case 2,4 millóns de mascaras cirúrxicas, máis de 40.000 botes de xel hidroalcohólico e ao redor de 47.000 pantallas faciais para os membros das mesas electorais.

 

A convocatoria, en datos

Fonte: Xunta de Galicia.

 

Protocolo sanitario

Durante toda a xornada electoral, estase aplicando un Protocolo de medidas de prevención sanitaria que conta co visto bo das autoridades sanitarias e que é posible tamén grazas á colaboración das agrupacións de Protección Civil. Así, nos locais electorais é obrigatorio usar máscaras e hixienizar as mans antes de proceder ao voto.

Débense evitar aglomeracións e respectar as distancias de seguridade: de dous metros cando sexa posible e, cando non, deberase gardar en todo caso unha distancia dun metro, tendo en conta que todas as persoas estarán usando equipamentos de protección.

O acceso tamén está sendo regulado por representantes da Administración. Nesta mesma liña, tamén se organiza a entrada dos votantes, que deben acceder por norma xeral de forma individual. Priorízase a entrada dos maiores de 65 anos ou das persoas con algún tipo de discapacidade.

Máis información e fotos:
https://osil.info/a-nacionalista-maria-albert-a-primeira-dos-candidatos-valdeorreses-en-votar/

Artigos relacionados

Back to top button