EconomíaEconomíaÚltima hora

Uns 353.300 euros en axudas para reducir o po de sílice en 4 canteiras da comarca de Quiroga

Trátase dunha liña de subvencións para favorecer a aplicación de tecnoloxías innovadoras e a implantación das mellores técnicas dispoñibles para a loita contra o po de sílice no sector mineiro de Galicia
Visita do delegado da Xunta en Lugo a unha das canteiras que recibían este tipo de axudas na comarca de Quiroga.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou 353.300 euros a catro canteiras da comarca de Quiroga (Lugo) ao abeiro dunha liña de apoios para favorecer a aplicación de tecnoloxías innovadoras e a implantación das mellores técnicas dispoñibles para a loita contra o po de sílice no sector mineiro de Galicia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitaba na mañá do 11 de xaneiro a empresa de lousa A Campa, en Folgoso do Courel, que recibiu unha achega para a introdución dun sistema de extracción nas cortadoras e a contratación dun servizo de consultoría.

As catro empresas realizaron investimentos por importe global de 667.300 euros, e todas recibiron a porcentaxe máxima de axuda establecida na orde de convocatoria. No caso da Campa, a porcentaxe foi do 40% por tratarse dun grupo empresarial de tamaño grande. As outras beneficiadas foron dúas canteiras de Quiroga -unha coa condición de pequena empresa e a outra de microempresa- e unha terceira en Ribas de Sil -tamén microempresa-, que recibiron achegas polo 60% do investimento subvencionable.

 

Outro dos momentos da visita á empresa de lousa A Campa, en Folgoso do Courel.

Todas elas acreditaron investimentos destinados a reducir a exposición ao po dos traballadores nos seus postos de traballo, actuacións que directamente supoñen unha mellora das condicións laborais. En xeral implementaron sistemas de extracción forzada en distintos postos de traballo, ou ben mecanismos para unha maior limpeza no ambiente -como nebulización para atomización de auga no aire-.

O grupo mineiro A Campa xestiona unha mina de lousa, con explotación tanto subterránea como a ceo aberto, e dispón dunha nave de transformación en Santa Eufemia do Courel na que adapta as lousas co obxectivo de que sexan utilizadas para teitar. Actualmente conta con 112 traballadores e suma unha produción de arredor de 45.000 toneladas ao ano, polo que segue a ser un dos sectores estratéxicos na zona, pola súa importancia económica e capacidade de xerar empregos.

 

Artigos relacionados

Back to top button