ConcellosSoberÚltima hora

Uns 60 viños de 28 adegas poderán catarse na XL Feira-Mostra do Viño de Amandi

Este evento, que vén de inaugurarse, desenvolverase os días 5 e 6 de decembro en Sober pero será só para profesionais

Publicidade

 

Neste 5 de decembro vén de poñerse en marcha en Sober a XL Feira-Mostra do Viño do Amandi. É unha edición especial, non só por cumprir 40 anos, senón tamén polo seu cambio de datas, de ubicación e de formato, buscando conservar este evento do mundo do viño pese á pandemia e desenvolvelo con seguridade.

“Neste 2020 non quixemos deixar de celebrar a Feira do Viño do Amandi, que para nós significa moito. Neste día especial querémoslle render unha homenaxe aos viticultores e adegueiros, porque o viño é o noso produto máis característico e tamén dentro da Ribeira Sacra”, destacaba o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, ás 11h. deste sábado no acto inaugural da mostra, no Hotel Pazo de Sober, xunto ao delegado da Xunta de Galicia en Lugo, o presidente do CRDO Ribeira Sacra e representantes do Parlamento galego, da Deputación e dos viticultores.

O rexedor comentaba que este ten sido un ano diferente, “tiñamos todo preparado para a feira, tal e como viñamos facendo, en abril”, pero a pandemia cambiouno todo. “Os meses ían andando, parecía que a situación se ía estabilizando e chegando a fin de ano organizamos o que vedes: unha especie de túnel de viño para profesionais ao que lle quixemos chamar mostra”, explicaba.

 

Un dos momentos do acto inaugural da mostra no Pazo de Sober.

 

Este evento, ao que só pode accederse con invitación (para distribuidores, xornalistas especializados e restauradores), desenvolverase neste sábado con horario de 11:00 a 14:30 horas e de 16:30 a 20.30 horas, así como na mañá do domingo 6 de decembro (de 11:00 a 14:30 horas). Nel poden catarse unhas 60 mostras (de tintos, brancos, tintos doutras anadas e mesmo rosados) de 28 adegas da Subzona de Amandi.

Tamén nesta mañá podía seguirse, a través das redes sociais, o pregón da feira que corría a cargo da actriz Benedicta Sánchez, galardoada co premio Actriz Revelación nos últimos Premios Goya polo seu papel en “O que arde”. E a partir das 11h. iniciábase a precata da mostra no patio de Cristal do Pazo de Sober. “Temos un panel de cata, como en anos anteriores, e vai haber tres premios para os viños tintos do ano 2019, un premio para os tintos doutras anadas e un premio para brancos. A entrega de premios está prevista para mañá.

O alcalde de Sober pechaba o acto inaugural lembrando o lema “Amandizáte” e animando a consumir viños desta subzona da D.O. Ribeira Sacra “no Nadal e nos 365 días do ano” e destacaba que “estamos falando dos mellores viño do mundo”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Algúns dos membros o panel da cata oficial da feira.

Artigos relacionados

Back to top button