CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Uns 600 gaiteiros de 19 bandas participan en Vilariño de Conso na primeira fase do Certame Celtibérico

O Concello de Quiroga colle o relevo, coa seguna fase do concurso que se celebrará o Sábado de Pascua

 

De diferentes partes da provincia de Ourense, de Lugo, A Coruña, León, Asturias e mesmo Portugal, chegaban as 19 bandas que na mañá do 25 de xaneiro participaban nunha exitosa primeira fase do XI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas.

O programa, coordinado polo director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo, comezaba xa o venres día 24 pola tarde coa inauguración en Chaguazoso do monumento á copla O caso das Piornizas, creada por Leandro Besteiro en 1949. “É un legado moi importante porque é unha creatividade local, dun señor daquí que non tiña estudos pero fixo unha obra literaria e musical importante que quedará para a historia”, en palabras de Foxo.

 

Xosé Lois Foxo e a alcaldesa de Vilariño Melisa Macía.

 

E xa na mañá do sábado en torno ás 11:30 horas comezaba o campionato na área recreativa do Cenza. Entre as bandas participantes estaban a do Concello de Vilariño de Conso que tamén tocaba un par de pezas ao rematar o concurso; a do Concello de O Bolo; a Devalar C. Amoeiro & Os Tristas de Trives; a Preparatorio; e pos suposto a Real Xuvenil.

No descanso entre as actuacións das bandas do 4º e do 3º grao e as do 2º e 1º, tocou o Folión de Vilariño de Conso, “para amosar o noso Entroido”, dixo a alcaldesa Melisa Macía, asegurando que “estamos moi contentos xa que tivemos un día espectacular para as previsións que tiñamos e respírase un ambiente de felicidade e alegría”. Xosé Lois Foxo pola súa banda asegurou que este certame “é importantísimo porque no só trae vida a Vilariño senón que se trata dunha promoción do mundo daas gaitas para as novas xeracións”.

 

 

 

Antes da interpretación conxunta de todas as bandas participantes do Himno do Antergo Reino de Galicia que poñía o broche de ouro á xornada, tiña lugar a entrega de diplomas e medallas na que se entregaba a cada banda, unha réplica da Capela San Xosé de Sabuguido (Vilariño de Conso, S. XVII), “para que a xente saiba que aquí tamén hai historia e arte”, dixo Foxo.

 

 

O concelleiro de Cultura de Quiroga José Luis Rivera .

 

Esta primeira fase do certame estivo adicado a Adelaida Domínguez Pérez, cantora de coplas de cego de Pradoalbar, e a segunda celebrarase en Quiroga o Sábado de Pascua, quedando a final para a primeira fin de semana de agosto en Cabeza de Manzaneda, tal como adiantou o propio Xosé Lois.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button