DeportesÚltima hora

Uns cen corredores daranse cita este domingo no campionato galego de descenso BTT en Xunqueira de Espadanedo

Nun "espectacular circuíto" e coa presenza de especialistas de primeiro nivel, o domingo día 6 decidiranse os campións galegos de DH e da Copa Galicia

Presentación do Campionato de Galicia de descenso BTT.

 

O Concello de Xunqueira de Espadanedo será esta fin de semana o punto de atención dos afeccionados ao ciclismo de montaña coa celebración do campionato de Galicia de Descenso DH, que se desenvolverá o domingo 6 de outubro nun “espectacular circuíto”, segundo organizadores e corredores, coa presenza de especialistas de primeiro nivel.

A presentación desta proba tiña lugar no Pazo Provincial en Ourense coa presenza do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Carlos Gómez; o vicepresidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, César Parente; a secretaria técnica da Federación Galega de Ciclismo, Begoña Carpinteiro; os representantes do Club Ciclista de Maceda, Julio Conde e Jorge Cerdeira; e o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez.

Os representantes do Club Ciclista de Maceda encargados de deseñador o circuíto e da Federación Galega de Ciclismo destacaron que se trata da proba “máis importante do ano en Galicia, que decidirá non só os campións galegos senón tamén da Copa Galicia”.

 

Cartel do campionato.

 

Coa participación estimada de cen corredores, entre eles estarán presentes especialistas de primeiro nivel, entre eles campións e subcampións europeos na súas respectivas categorías. Os propios corredores cualificaron o circuíto como “un dos mellores de España, que permitirá poñer un peche de ouro a esta temporada”.

Ademais, nesta edición incorpórase unha novidade para que esta proba non se quede nunha carreira. Así, o sábado, día 5, os afeccionados que o desexen poderán realizar rutas polo Concello para probar bicicletas eléctricas e, ás oito da tarde, logo dos adestramentos, celebrarase un concurso de saltos no que participarán corredores do “Marisquiño” coas súas espectaculares acrobacias.

 

Artigos relacionados

Back to top button