SanidadeÚltima hora

Usuarios e traballadores do Centro de Día Raiola de Verín dan negativo no test de Covid

Aínda así, dende a súa dirección apélase a que "as familias sigan extremando as precaucións e respectando os protocolos que nós lles facilitamos, para continuar sen positivos nas nosas instalacións"

 

Tal e como vén de comunicar o Centro de Día A Raiola de Verín “todos os usuarios e o persoal deste centro resultaron negativos no primeiro dos cribados realizado na instalación por iniciativa da dirección de Raiola e contando coa colaboración da Xerencia de Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, que cedeu medio cento de tests para realizar as probas diagnósticas aos seus maiores e traballadores”.

Entre onte, 14 de outubro, e hoxe, “33 usuarios e sete traballadores, todos os do seu persoal, sometéronse ao test de dobre banda do primeiro dos cribados que efectúa este centro asistencial (a súa directora, Chelo Ferreiro, pretende realizalos de maneira periódica cada quince días). Os resultados das probas veñen de ser comunicados esta mesma mañá á dirección do Distrito Sanitario de Verín para que figuren nos respectivos historiais médicos de cada un dos usuarios”, tal e como sinala este centro a través dunha nota de prensa.

Chelo Ferreiro, enfermeira que realizou as probas e directora do Centro de Día, amosa a súa satisfacción polos resultados, aínda que apela “a que as familias sigan extremando as precaucións e respectando os protocolos que nós lles facilitamos, para continuar sen positivos nas nosas instalacións. Nós implementamos unhas estritas esixencias ao noso persoal, e tamén aos nosos propios usuarios, aos cales sometemos a un proceso de desinfección exhaustivo antes de acceder ás instalacións”, recalcaba.

Ferreiro Fernández quixo tamén agradecer a disposición do xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras, Félix Rubial, “pola súa inmediata posta ao dispor do material diagnóstico para poder levar a cabo as probas canto antes nun momento no que Verín vive unha situación difícil pola súa situación epidemiolóxica”.

O Centro de Día Raiola de Verín mantén a súa actividade desde o 15 de xullo, “logo de meses pechado por imposición da Xunta de Galicia, o que supuxo”, segundo os responsables do centro asistencial, “unha fuga de usuarios cara as residencias de maiores, ao non poder as familias conciliar as súas obrigas laborais cos coidados dos seus maiores. Nos últimos meses, porén, demostrouse que as residencias non son máis seguras que os centros de día, como querían facer ver”, sinalan desde a dirección.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button