CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Uxía converte en melodías os versos de Novoneyra, no Barco

Uxía Senlle poñía o punto final ao VI De Perto no Barco coa presentación do seu último traballo adicado ao poeta do Courel “Uxío-a”

O “Alalá das Mariñas” comezaba soando sobre o escenario do Teatro Lauro Olmo do Barco. Tras os primeiros segundos, Uxía Senlle baixaba, sen deixar de cantar, e situábase xunto ao público. Seguíana o multi-instrumentista brasileiro Sérgio Tannus, Santi Cribeiro (acordeón) e Isaac Palacín (percusión). A partir de aí camiñaban entre as butacas mentres os asistentes, en pé, acompañábana con palmas e cantando. Deste xeito a intérprete poñía fin a un fermoso e emotivo concerto que completaba a sexta edición de “De Perto” na noite do 13 de xullo.

Nel, Senlle presentaba o seu último traballo, “Uxío-a”, dedicado ao poeta Uxío Novoneyra. Ao longo da actuación navegaba polos versos deste autor do Courel, que vestía de melodías coa colaboración de Sérgio Tannus neste novo disco. Interpretaban, entre outros temas, “O aire”, “Fiandeiras”, o singular canto ao cuco de “No bicarelo do bico do brelo”, o “Alalá das sombras” ou “Chove para que eu soñe”, neste último caso cunha versión dunha melodía de Emilio Cao. Versos cantados, pero tamén recitados como os de “Terras outas e solas”.

E ía máis aló da poética de Novoneyra e adentábase na de Rosalía de Castro para renderlle tributo a Fran Pérez “Narf” (compositor e cantante galego xa falecido e que pasaba polo De Perto no verán do 2015), ou na de Manuel María e cantarlle así á fala “para que dure mil primaveras máis”. Tampouco faltaban composicións propias como “Uelé, uelé, uelé”, dedicada ás mulleres.

Este paseo pola poesía e a música rematábao Uxía rodeada polo público. A cantante amosábase emocionada “de poder estar neste ciclo De Perto, no que prima a palabra, tan necesaria nestes tempos que corren”.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button