CulturaCulturaÚltima hora

V Congreso Internacional de Patrimonio Etnográfico, en Ourense

O mundo dos afiadores centra o programa que se celebrará do 9 ao 13 de outubro
Florencio de Arboiro, Mariló Fernández, Rosendo Fernández e Xosé Manuel Cid, na presentación do Congreso. /Foto: Alberte Paz.
Florencio de Arboiro, Mariló Fernández, Rosendo Fernández e Xosé Manuel Cid, na presentación do Congreso. /Foto: Alberte Paz.

Poñer en valor a figura do afiador e analizar as achegas que este oficio trouxo á etnografía galega e ao noso patrimonio inmaterial, é o obxectivo do V Congreso Internacional de Patrimonio Etnográfico, patrocinado pola Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, que se celebrará entre o 9 e o 13 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación, do Campus de Ourense. Nesta edición, a segunda de carácter internacional, daranse cita investigadores de España, Francia, Italia e Portugal, así como mestres, estudantes e familiares de antigos afiadores.

A presentación do congreso tiña lugar na mañá do 7 de outubro coa presenza do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; da directora do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, Mariló Fernández; do presidente da asociación Ben-Cho-Shey, Florencio de Arboiro, e do vicedecano de Educación Social, Xosé Manuel Cid.

Baixo o título “O afiado e outras técnicas artesanais de comunidades rurais”, o evento contará nesta ocasión coa presenza de relatores que analizarán dende diversas perspectivas o mundo que discorre ao redor dos afiadores, dende a súa fala e cultura, ata a súa evolución histórica e o seu ámbito xeográfico, ademais das importantes achegas sociais que este oficio deu “pois os afiadores, como grandes viaxeiros, foron grandes transmisores de cultura e saberes”, en palabras de Rosendo Fernández.

Entre as actividades que se levarán a cabo, destaca a visita á Casa das Rodas, en Arboiro, que terá lugar o venres día 10, onde Florencio de Arboiro ten a maior colección do mundo de rodas de afiar, que poderá ser visitada polos participantes do congreso.

Ao longo dos cinco días que dure o programa, desenvolveranse ademais relatorios, mesas de debate, conferencias e proxeccións audiovisuais como a do filme A última viaxe do afiador, de Aitor Rei.

Artigos relacionados

Back to top button