ConcellosÚltima hora

V Feira da Cervexa Artesá e Artesanía Medieval en Verín

Esta edición celebrarase do 13 ao 15 de setembro coa participación de 7 marcas de cervexa

Presentación da V Feira da Cervexa Artesá de Verín./ Foto: Concello de Verín.

A praza Maior de Verín será escenario do 13 ao 15 de setembro da V Feira da Cervexa Artesá e Artesanía Medieval. O seu programa presentábase nesta mañá de 4 de setembro nun acto que contaba coa presenza do concelleiro de Transporte, Feiras e Hostelería, Manuel Lorenzo Feijóo, e do director de ADICCAG (Asociación para a Divulgación da Cultura da Cervexa Artesá de Galicia), Pablo Casanova.

Nesta edición estarán presentes as seguintes marcas artesás: Cervezas La Castiza, Celebridade Galega Ecolóxica, Cerveza Monte Rei, Cerveza Internacional Agneta´s, Cerveza Santa Caribe, Hidromel Ambrosía e Cerveza La Verbena, segundo indicaba Lorenzo. Ademais, este ano amplíase a oferta de gastronomía e contarase con polbo con patacas, mexillóns ao vapor, empanadas galegas e pratos de embutidos de porco celta e queixo preparados por un cortador profesional. Esta actividade organizada por ADICCAG, coa colaboración do Concello de Verín.

A entrada ao festival é gratuíta e as cervexas artesás terán un prezo popular de 2 euros a cana máis un vaso conmemorativo polo prezo de 1 euro. Tamén estarán dispoñibles botellas e packs para a venda. A Banda de Gaitas do Concello de Verín amenizará a xornada da inauguración do venres e o sábado pola tarde contarase tamén cunha actuación musical.

Os máis cativos poderán gozar de inchables durante os horarios de apertura da feira que serán os seguinte: venres de 19.00 a 00.30 horas, sábado de 11.00 horas a 00.30 horas e domingo de 11.00 a 21.00 horas.

No festival haberá un percorrido cervexeiro no que se lle entregará ao participante unha papeleta que deberá cubrirse cos selos dos seis fabricantes cervexeiros. Os participantes terán os 3 días para completar a papeleta. O domingo, ás 20 horas, realizarase un sorteo entre todos aqueles que completaran o cartón.

Durante a presentación da feira Manuel Lorenzo aludía á importancia que o Concello de Verín dá a estas iniciativas que “fomentan a artesanía e gastronomía local á vez que activan e dinamizan a vida nas rúas de Verín” Do mesmo xeito quixo resaltar a labor dos organizadores e agradecer o seu esforzo e implicación con estas actividades.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close