EconomíaEconomíaÚltima hora

V Ruta de pinchos do Barco, do 15 ao 25 de xaneiro

Increméntase a participación con ata 20 locais e cinco restaurantes servirán botelo na fin de semana da festa
O presidente do Barco CCA, Ángel Álvarez, e a concelleira de Turismo do Barco, Irene Dacal, na presentación./ Foto: Ángeles Rodríguez.
O presidente do Barco CCA, Ángel Álvarez, e a concelleira de Turismo do Barco, Irene Dacal, na presentación./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Ultímanse os preparativos da V Ruta de Pinchos do Barco que desenvolverá nesta vila do 15 ao 25 de xaneiro. O percorrido incluirá un total de vinte deliciosas suxerencias gastronómicas noutros tantos establecementos (seis máis que na pasada edición) de hostalaría e restauración. Este singular menú vai dende os pinchos de base máis tradicional ata os máis innovadores. No seu conxunto apostan pola calidade, cunha estética e cunha elaboración máis esmerada.

Para poder desfrutar con facilidade, tanto da oferta culinaria como do percorrido desta ruta, a organización (da que se ocupa un ano máis a Asociación Empresarial de Valdeorras e o Barco Centro Comercial Aberto en colaboración co Concello do Barco) vén de editar un folleto-guía que poderá recollerse dende primeiros de xaneiro nos locais participantes.

Nel figurarán os diferentes pinchos desta edición, así como os enderezos dos establecementos, os horarios nos que se servirán os pinchos e os días de peche (no caso de habelos), tal e como explicaba na presentación deste folleto e da ruta o presidente do Barco CCA e representante do sector da hostalaría en Aeva, Ángel Álvarez na mañá do 7 de xaneiro. Nese mesmo díptico, matizaba, incluírase un apartado que se poderá ir selando cada vez que se visite un dos locais da ruta e tras consumir o seu pincho.

Os locais participantes desta volta son: Bar El Timón, Café Ambigú, Cafetería Olimpo, Bar A Cova, Tapería Al Natural, Vinum, Taberna O Buraco, Bar Movimiento Racing, Bar Habana, Café Bar Lisboa, Cafetería Restaurante Fernando III, Café Bar O Paseo, La Pampa, Piquiño Restaurante, Agarimo, Bar El Parque, Nobuk Café, Bar Río Galir, A Roda e Bar O Xugo.

As persoas que selen o seu boleto en alomenos cinco dos locais participantes (cun mínimo dun establecemento por cada unha das tres zonas nas que se estruturará a ruta) poderán participar nun sorteo de catro ceas que se realizará o 27 de xaneiro.

Portada do folleto desta edición da Ruta de Pinchos no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Portada do folleto desta edición da Ruta de Pinchos no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Esta V Ruta de Pinchos do Barco prolongarase, como o pasado ano, ao longo duns dez días e o seu remate coincidirá asemade coa Festa do Botelo. Nesa fin de semana haberá catro restaurantes do Barco (un máis que no 2014) nos que se poderá degustar este emblemático embutido valdeorrés. Así o botelo formará parte das cartas do Agarimo, da Cafetería Restaurante Fernando III, do Restaurante Santa Ángela, da Tapería Al Natural e do Mesón Vila do Castro.

Coa organización da ruta colaboran nesta edición D’Berna, Distribuciones Anger Valdeorras SL, Distribuciones Roca e Exclusivas Morales SL.

Texto: Ángeles Rodríguez
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button