En portadaÚltima hora

Vaga de lumes na provincia de Ourense

Hai tres incendios activos no territorio ourensán, outros tres en Vilariño de Conso quedaron estabilizados e hai outros catro controlados na provincia
Incendio en Vilamarín.

Nestes días os lumes asolan  Ourense. Segundo ás últimas informacións feitas públicas pola Consellería do Medio Rural, nestes momentos rexístranse tres incendios forestais activos na provincia. Un deles é o de Vilamarín, que permanece activo desde as 15:47 horas de onte venres. Segundo as últimas estimacións, afecta máis de 100 hectáreas. Na súa extinción traballan 1 técnico, 5 axentes, 10 brigadas, 10 motobombas, 3 pas, 4 helicópteros e 2 avións.

 

Outra imaxe do lume activo en Vilamarín.

 

Hai outro lume activo na parroquia de Covas, no concello de San Cristovo de Cea. Comezaba ás 03:32 h. desta madrugada. Segundo as primeiras estimacións afecta unhas 20 hectáreas. Traballan no seu control 5 axentes, 5 brigadas, 7 motobombas, 2 pas, 1 avión e 2 helicópteros.

Un terceiro incendio está activo na provincia, en concreto, na parroquia de Cantoña (Paderne de Allariz). Afecta provisionalmente unhas 20 hectáreas. No lugar traballan 3 axentes, 6 brigadas, 4 motobombas, 1 pa e 4 helicópteros.

 

Un dos lumes de Vilariño de Conso.

 

Ademais están estabilizados tres lumes no concello de Vilariño de Conso. É o caso do de Chaguazoso dende as 09:40 h. desta mañá. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 400 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 13 axentes, 30 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 3 avións.

Estabilizado está tamén dende as ás 20:10 h. de onte o lume rexistrado na parroquia de Castiñeira, tras iniciarse o xoves ás 03,45 h. da madrugada. Segundo as últimas estimacións, afecta máis de 50 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 4 axentes, 14 brigadas, 12 motobombas, 3 avións e 2 helicópteros. Ademais quedaba estabilizado ás 20,10 h. de onte o lume en Sabuguido, tras comezar ás 10,00 h. do xoves. Afecta provisionalmente unhas 30 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 2 axentes, 2 brigadas e 1 motobomba.

Asemade están controlados os incendios de Montes (Cualedro), Requeixo e Queixa (Chandrexa de Queixa), San Cristovo (Vilariño de Conso) e Río Caldo (Lobios).

Artigos relacionados

Back to top button