En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Valdeoliveira, unha aposta por poñer en valor a oliva valdeorresa

A iniciativa, que apenas ten un ano de vida, está promovida por José Angel Rodríguez e José Antonio Iglesias

“É un proxecto romántico de dous namorados de Valdeorras que pretendemos poñer en valor e recuperar as oliveiras da comarca, pero non para elaborar aceite como está facendo outra xente. Pretendemos sacar un produto de moi alta calidade e artesán con olivas só de Valdeorras”. Así define José Ángel Rodríguez o proxecto Valdeoliveira, unha iniciativa que poñía en marcha hai un ano xunto a José Antonio Iglesias e que aposta polo uso da oliva en encurtidos.

Ambos destacan que ademais da lousa e do viño, en Valdeorras existen outras moitas potencialidades, entre elas a das olivas. E así o explicaban no acto de presentación de Valdeoliveira a finais de xaneiro no establecemento de hostalaría barquense El Manjar. No acto expoñían en que consiste este proxecto, que quere basearse no micromecenado, e tamén ofrecían unha degustación dos produtos que están elaborando neste momento.

“Buscamos poñer en valor produtos tradicionais, que levan centos de anos aquí, e produtos que poden perdurar no tempo, non ser algo efémero. Aquí presentamos unha oliva madura, que se puxo con determinadas especias e aromas e, unha vez que remata o proceso, embótanse en aceite de oliva virxe para que as manteña no tempo. É un produto pensado para consumir no prazo dun ano”, engade José Antonio Iglesias.

“Queremos contaxiar á xente do noso entusiasmo a través do micromecenado, é dicir, que se identifique co produto ao mercar isto, que vexa que tamén é algo seu”, matiza José Ángel Rodríguez. Ambos están convencidos de que esta iniciativa “romántica” pode chegar a converterse nun proxecto empresarial e niso traballan. E a boa acollida da presentación no Barco parece darlles a razón.

Texto: A.R./ Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button