En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Valdeorras abre as catas previas para as Distincións Gallaecia e para a Guía Paadín de Viños

O panel de cata valoraba un total de 96 mostras, das cales 51 son de brancos e 44 de tintos, na sede do consello regulador

Comeza o circuíto de catas previas polos consellos reguladores galegos para as Distincións Gallaecia 2019 e para a vindeira edición da “Guía dos Viños de Galicia”, que dirixe Luis Paadín. O calendario encetábase na mañá do 1 de xullo na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, en Vilamartín.

Alí o panel de 16 catadores (entre os que había algúns valdeorreses, así como tres membros da Asociación de Sumilleres de Zamora e o director técnico do CRDO Toro) analizaba e puntuaba un total de 96 mostras, das cales 51 eran de brancos e 44 de tintos. Entre elas había un godello do ano 2011.

No caso dos brancos o panel de cata destacaba a gran variedade de perfís diferentes nunha mesma uva, a godello. “Sorprende que dea viños con perfís tan distintos, isto non o viramos antes de maneira tan marcada”. No referente aos tintos, comentouse a súa disparidade e gustaron de xeito especial os das segundas añadas.

Os viños seleccionados nesta cata en Valdeorras formarán parte dunha cata final, que acostuma realizarse en setembro, e da que sairán os viños distinguidos en cada unha das denominacións de orixe galegas, así como os destilados. Os datos obtidos en cada unha destas catas servirán ademais para a elaboración da vindeira edición da “Guía dos Viño de Galicia”, que edita Paadín Eventos.

A seguinte cata previa está programada para o 8 de xullo e terá lugar na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, en Verín. O día 15 de xullo o panel de catadores desprazarase ata a sede do CRDO Ribeira Sacra en Monforte de Lemos, o 22 de xullo será a cata previa dos destilados (na Aula de Cata Paadín, na Coruña) e o día 29 a da D.O. Ribeiro, en Ribadavia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button