DeportesÚltima hora

Valdeorras acollerá, o 1 de decembro, unha proba de enduro extremo

A I Xtrem A Rúa desenvolverase no entorno da Cooperativa Virxe das Viñas e tamén por Fontei, Vilela, Somoza e San Xulián

Participante na proba de enduro celebrada no mes de xuño na Rúa. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

A afección polo enduro na comarca de Valdeorras está máis patente que nunca e despois do éxito de participación e organización da penúltima proba da Liga Galega da Moto de Campo celebrada a comezos de xuño, A Rúa prepárase para unha nova carreira, desta volta de enduro extremo.

A I Xtrem de Valdeorras, puntuable para o Trofeo Luso-Galaico Hard Enduro, celebrarase o 1 de decembro en horario de mañá e de tarde. “Ás 8h. comezarase coa entrega de dorsais e o primeiro piloto sairá en torno ás 10h. O final está previsto para as cinco da tarde coa entrega de premios”, adianta Ramiro Folla de Rúa Motor, un dos organizadores. El mesmo explica que a crono test desenvolverase no entorno da Adega Cooperativa Virxe das Viñas mentres que o circuíto discorrerá por Fontei, Vilela, San Xulián e Somoza. “Os participantes nas categorías pro e expert darán dúas voltas mentres que o resto de endureiros darán unha”, puntualiza Ramiro.

A carreira, con premios para as diferentes categorías (pro, expert, 2t, 4t, parellas e veteranos) celebrarase o domingo, pero o sábado pola noite haberá unha cea para os inscritos e acompañantes nun recinto enfronte da cooperativa, na rúa Campogrande, onde estará tamén o parque pechado.

A proba, organizada pola LGMC e Melicias Team de Portugal conta coa colaboración do Concello da Rúa, da Deputación de Ourense e da Asociación Sabugueiro da Rúa Vella, entre outros.

Artigos relacionados

Back to top button