CulturaCulturaÚltima hora

Valdeorras benefíciase das axudas para as Asociacións de Amigos do Camiño

A Consellería de Cultura e Turismo apoia aqueles proxectos centrados na mellora de albergues e na difusión da cultura xacobea

Tramo do Camiño de Inverno ao seu paso por Vilamartín de Valdeorras. / Foto: Monica G. Bellver

 

A Asociación de Amigos do Camiño por Valdeorras recibirá unha axuda autonómica dotada con 10.000€ polo seu estudo de reforma da antiga capela de San Andrés, en Fontei (Concello de A Rúa), para o seu uso como oficina de información ao peregrino no Camiño de Inverno. A dotación forma parte dunhas axudas outorgadas pola consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en réxime de concorrencia competitiva e que buscan poñer en valor o labor que realizan as asociacións do Camiño de Santiago como elemento fundamental da Ruta Xacobea.

Na convocatoria, valoráronse positivamente aqueles proxectos dedicados á accesibilidade, novas tecnoloxías e sustentabilidade ambiental, formación e programas de hospitaleiros voluntarios e actuacións de mellora de albuergues.

Dentro dos beneficiarios inclúense iniciativas tanto galegas como de fora da comunidade pero sempre centradas na accesibilidade da peregrinación ou na divulgación da súa historia. Neste sentido, tamén se lle concedeu a bolsa á Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago, á Asociación Galega Amigos do Camiño de Santiago e á Asociación de Veciños de Santa Baia de Mos. Outros 11 colectivos tamén recibiron apoio económico polos seus traballos de estudo e documentación do fito Xacobeo e a difusión da súa cultura.

En conxunto, este colectivo componse de máis de 300 asociacións e entidades a nivel mundial que previamente foron recoñecidas como Medalla Castelao 2020 polo seu traballo en favor do Camiño de Santiago e dos seus valores.

Artigos relacionados

Back to top button