ConcellosÚltima hora

Valdeorras, corazón das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio

Ese día a Real Academia Galega celebrará o seu pleno extraordinario na Aira dos Bolos de Córgomo. Nel intervirán os académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Rosario Álvarezucións sobre Florencio Delgado Gurriarán

A Aira dos Bolos de Córgomo (Vilamartí), onde celebrará o pleno extraordinario da RAG, nun acto anterior na honra de Florencio./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

A Real Academia Galega celebrará o vindeiro martes 17 de maio a sesión extraordinaria e pública do Día das Letras Galegas en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a vila natal de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987). O acto desenvolverase na Aira dos Bolos, un lugar cargado de simbolismo na vida e na obra do autor homenaxeado, e consistirá en tres alocucións sobre o poeta a cargo da académica Rosario Álvarez Blanco e dos académicos Ramón Villares e Xesús Alonso Montero. Pechará o pleno o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. As intervencións poderán seguirse en directo dende academia.gal.

A celebración será unha festa aberta a toda a veciñanza nun espazo onde se adoitaba xogar aos birlos, unha tradición que Delgado Gurriarán inmortalizou nas páxinas de Galicia infinda (1963), nos versos “Os bolos ralban louxados, / a bola ralba penedos… / É que xogan, mau a mau, / o Severino i o Ferros”, pertencentes ao poema titulado “Córgomo de Valdeorras”, que dedicou, xa dende o exilio en México, aos seus veciños. A Aira dos Bolos ten ademais como pano de fondo a actual Casa do Pobo, no seu día a tenda da aldea, rexentada polo seu tío Manuel.

O historiador Ramón Villares trazará un percorrido pola biografía de Florencio Delgado Gurriarán, cuxa figura encarna o activismo cultural desenvolvido polos galeguistas que fuxiron a México, tendendo sempre pontes co exilio interior. Na súa persoa, a Real Academia Galega réndelle así homenaxe por primeira vez na gran festa das Letras Galegas á diáspora mexicana, da que formaron parte tamén o cineasta Carlos Velo, o editor Alexandre Finisterre, o profesor Luís Soto, o arquitecto Xosé Caridad Mateo, o escultor Uxío Souto, Ramiro Isla Couto, Elixio Rodríguez, Xermán Rañó, Carlos Tomé ou o pintor Arturo Souto.

Estes compañeiros foron citados polo propio Florencio Delgado Gurriarán no discurso que pronunciou ao ser recibido como académico correspondente da RAG en México, nun acto celebrado no Casino do Barco de Valdeorras en 1981. Nesta intervención, recollida nunha edición especial dispoñible en academia.gal, o poeta lembra en primeira persoa como tivo que fuxir a México canda tantos outros que pensaban coma el, o seu agradecemento co país que acolleu tantos exiliados despois da guerra civil e tamén o labor que, xunto a outros paisanos, desenvolveu arredor do Padroado da Cultura Galega de México e de iniciativas como as revistas Saudade e Vieiros (1959-1968).

Con Florencio Delgado Gurriarán a RAG tamén visibiliza a fala de Valdeorras. Esta é o punto de partida do galego do autor, no que se deterá a directora da Sección de Lingua, Rosario Álvarez, que afondará na contribución do homenaxeado á construción dun modelo de galego supradialectal escrito moderno. Da parte literaria ocuparase Xesús Alonso Montero, que xunto a Carlos Casares foi o primeiro académico en reivindicar un Día das Letras Galegas para Delgado Gurriarán a comezos deste século.

Artigos relacionados

Back to top button