En portadaÚltima hora

Valdeorras e Trives, punto de partida de “Ourense: A Ruta do Noroeste” de ENBHIGA 2019

Este evento internacional chegará por primeira vez a Europa este outono para reunir na provincia a cociñeiros de diferentes países, tour operadores e medios de comunicación especializados durante cinco días
Panorámica de viñedos en Trives./ Foto cedida.

Entre o 15 e o 19 de outubro máis de cen cociñeiros e expertos (de cando menos unha ducia de países) percorrerán a provincia para coñecer o seu potencial turístico e gastronómico a través de ENBHIGA 2019 (o Encontro Bioceaánico-Hispano de Gastronomía) “Ourense: A Ruta do Noroeste”, que despois das súas exitosas convocatorias na Arxentina, Chile e Costa Rica chega por primeira vez a Europa.

Así este evento internacional cruza o Atlántico para recalar na provincia a través da iniciativa de “Cociña Ourense” e grazas ao apoio da Deputación e do Inorde. Presentábase da man do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do presidente da asociación “Cociña Ourense”, Miguel González, nun acto celebrado o pasado luns no Pazo Provincial.

Ao longo de cinco días a caravana de ENBHIGA 2019, que sairá de Madrid, percorrerá arredor de 500 km, visitando algúns dos referentes turísticos da provincia, así como outros puntos de interese menos coñecidos para amosar singulares e valiosas iniciativas agroalimentarias, para visitar adegas, coñecer a cociñeiros locais, etc.

 

Presentación en Ourense de ENBHIGA 2019.

O percorrido iniciarase o martes 15 de outubro na parte oriental da provincia, nun traxecto que estará coordinado polo cociñeiro Anxo Trives. A caravana visitará as zonas vitivinícolas de Valdeorras, en concreto Seadur (Larouco), seguindo despois cara Trives, xa na D.O. Ribeira Sacra. Entre as súas paradas estarán a Ponte Bibei (Trives-Quiroga), tramos da Via Nova romana ou o casco antigo da Pobra de Trives. Nesta xornada a organización contará coa colaboración do Concello de Trives, do Hostal Restaurante La Viuda e doutras empresas da zona (adegas, obradoiros de pan, etc.), así como de asociacións da comarca.

Tras facer noite en Trives, está previsto que o programa continúe nos seguintes días adentrándose na ruta dos mosteiros cara Vilamarín, en Cea e na cidade de Ourense, nas zonas de Allariz e a comarca de Monterrei e, finalmente, xa o 19 de outubro no tramo ourensán da Vía da Prata en municipios como Vilardevós.

ENBHIGA é, en palabras do presidente da Deputación de Ourense, un “dos eventos máis importantes que se van celebrar no noso territorio no 2019, dende o punto de vista turístico, gastronómico e de promoción da provincia, unha auténtica oportunidade para a provincia, pero tamén para os visitantes que se acheguen aquí en calidade de restauradores, tour operadores, turistas, crítica especializada, porque descubrirán un territorio que é o lugar ideal para celebrar calquera evento e para coñecer o que é a cultura, a natureza e o termalismo”.

 

 

Pola súa banda, o presidente de “Cociña Ourense”, Miguel González, agradece o apoio da administración provincial  e asegura que ENBHIGA é “un encontro aberto á participación de todos os produtores, empresarios  restauradores que queiran sumarse a esta iniciativa. Un evento que naceu hai catro anos na Arxentina como un lugar de encontro para profesionais do turismo gastronómico das dúas beiras do continente e, tras tres edicións de éxito, demostrouse o seu enorme potencial como ferramenta dinamizadora do sector”.

 

Artigos relacionados

Back to top button