ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Valdeorras, entre as catro áreas ourensás con maior velocidade de recuperación de emprego

Preséntanse os datos do VIII Observatorio Económico Ourensán referido ás comarcas de Valdeorras e de Terra de Trives

A comarca valdeorresa está a ter o seu protagonismo na rexeneración económica da provincia. Así o demostran os datos desta comarca no VIII Observatorio Económico Ourensán, que se daban a coñecer conxuntamente cos de Terra de Trives na mañá do 21 de febreiro no Barco, nun acto no que participaban o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez; e do profesor Andrés Mazaira, da Universidade de Vigo. Á presentación contaba coa asistencia de empresarios de diferentes sectores, así como de alcaldes e concelleiros de boa parte dos municipios das dúas comarcas.

Manuel Baltar destacaba na súa intervención a importancia desta novidosa ferramanta de análise, cuxos datos, que se actualizan “en tempo real” indican “signos evidentes de recuperación económica da profunda crise”. Asemade apuntaba o reto demográfico ao que se enfronta a provincia.

De seguido Andrés Mazaira explicaba cada un dos indicadores que se analizan neste estudo tanto a nivel local, como comarcal e provincial e destacaba cuestións como que o mercado de traballo valdeorrés acumula unha creación neta de emprego do 3,9%, co que pasa a formar parte das catro áreas ourensás con maior velocidade de recuperación, a un ritmo do 2% por ano. As 8.079 afiliacións que contabilizaba a finais de 2016 constitúen ademais o primeiro peche anual desde 2011 no que supera a barreira dos 8.000 empregos. Por outra banda, a comarca de Terra de Trives creou un 2,3% de emprego neto no cómputo de 2016, a terceira mellor marca da provincia.

Asemade, na nova medición que introduce o Observatorio Económico, a das afiliacións segundo conta de cotización dos centros de traballo (excluíndo os factores demográficos) A Veiga (14,5%), O Bolo (9%), A Rúa (4,2%) e Pobra de Trives (4,1%) encabezan a creación de novos empregos en 2016.

Outro dato que resaltaba Mazaira é que Valdeorras é, xunto coa comarca de Ourense, a única da provincia en presentar unha idade media da poboación inferior aos 50 anos. Por contra, Trives triplica a taxa de envellecemento existente en Valdeorras.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button