En portadaGalerías de fotosSanidadeÚltima hora

“Valdeorras está en pé, non deixaremos que nos quiten a área sanitaria”

Numerosas persoas se reunían no exterior do Hospital Comarcal Valdeorras na primeira das concentracións para pedir que se retire o anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia

Con forza arrancan as mobilizacións para pedir a retirada do anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia que contempla a desaparición da área sanitaria de Valdeorras. Centos de persoas se concentraban fronte ao Hospital Comarcal Valdeorras no Barco no mediodía do 30 de agosto, nun acto convocado pola Xunta de Persoal do centro e ao que se adhería a Plataforma Sanitaria de Valdeorras.

Na concentración extendíase unha pancarta cunha clara petición: “Sanidade pública e digna para as comarcas do oriente ourensán”. Ademais tomaba a palabra o voceiro da Plataforma Sanitaria de Valdeorras, o doutor Orlando Saavedra, tamén concelleiro de Sanidade do Barco, quen explicaba as consecuencias negativas que pode ter para a zona esta reforma lexislativa. “Puidera parecer que non ten ningún significado por ser un feito meramente administrativo, pero non é así. Detrás dese cambio administrativo e técnico están as estruturas necesarias para que a poboación reciba unha atención sanitaria digna e cercana”, dicía.

Tamén recordaba as circunstancias polas que Valdeorras conta cunha área sanitaria propia, incidindo especialmente na lonxanía con Ourense, a case unha hora e media de distancia. “Somos un centro económico importante, con traballo, dinamismo, desenvolvemento e xente moza, pero tamén con dispersión poboacional. Temos as condicións técnicas suficientes para seguir sendo área. Debemos loitar”, sinalaba Saavedra. Tamén daba lectura as tres peticións solicitadas dende a Plataforma Sanitaria Valdeorras á Xunta de Galicia: a retirada do anteproxecto, desenvolver e dotar de orzamento da actual lei de saúde, así como a formación dun grupo de traballo para que “elabore un informe de conclusións que será de acceso público e que proporá as posibles melloras normativas no sistema sanitario galego, de ser precisas”.

Concentración no exterior do Centro de Saúde da Rúa./ Foto cedida.

Ao final da concentración, que remataba entre aplausos, tomaba a palabra un representante da Xunta de Persoal, Suso Vilasánchez, quen insistía na importancia da mobilización para evitar a perda da área. E lembraba que continuarán as concentracións cada mércores ao mediodía diante do hospital e nos centros de saúde da área.

Despois da concentración, dende o Sergas emitíase unha nota de prensa asegurando que esta “reforma normativa permitirá, no caso de Ourense, garantir cun soporte legal o mantemento dos servizos dos Hospitais Comarcais de Valdeorras e Verín, e continuar a liña de extensión de especialidades, como algunhas ata hai pouco só dispoñibles nos hospitais xerais, e das que carecen a maioría de comarcais da nosa contorna coma cardioloxía, dixestivo, reumatoloxía, neuroloxía, endocrinoloxía ou oncoloxía médica; implantar vías rápidas de diagnostico e tratamento; unificar protocolos e criterios de derivación, etc. Co obxectivo último de equilibrar a carteira de servizos e calidade asistencial ofrecida aos cidadáns, indistintamente do seu domicilio na provincia”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button