En portadaEntrevistasÚltima hora

“Valdeorras foi un punto neurálxico da guerrilla do noroeste español”

A xornalista valdeorresa Alba Prada vén de realizar un estudo sobre a actividade guerrilleira nesta comarca durante a posguerra

A xornalista valdeorresa Alba Prada Núñez, en Rubiá./ Foto cedida.

 

Hai máis de setenta anos as montañas de Valdeorras daban acubillo a numerosas persoas que se vían obrigadas a deixar as súas casas por ser declaradas inimigas do réxime franquista. Esta comarca convertíase en “punto neurálxico da guerrilla do noroeste español, zona de conexión entre Asturias, León, Galicia e Portugal. Isto fixo que Valdeorras tamén fora, durante algúns anos, a sede da Federación de Guerrillas de León-Galicia, un organismo con capacidade democrática en tempos dunha ditadura férrea”. Así o destaca a valdeorresa Alba Prada Núñez nun interesante e versátil proxecto de fin de carreira que presentaba en febreiro na Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela baixo o título “Pegadas na néboa. Actividade guerrilleira en Valdeorras”.

Agora pode consultarse vía online no link https://pegadasnaneboa.wixsite.com/pegadasnaneboa. Nesta presentación utiliza un formato áxil, dinámico e moi cómodo, deseñado por ela mesma e no que xungue texto, fotografías, mapas de localización, cronolóxicos, así como vídeos que recollen as opinións de expertos e testemuñas en primeira persoa deste momento histórico. Con este deseño pretende chegar a todo o público de forma sinxela, tanto aos máis novos, que non acostuman ler libros de historia; como tamén aos maiores, xa que os seus familiares lles poden amosar estes vídeos. “Parecíame un formato interesante por iso, xa que para acceder á información só precisas o enlace, non tes que descargar nada”, comenta esta xornalista.

O traballo, ao que dedicou case un ano, ábrese cunha panorámica dos montes de Casaio e está estruturado en seis partes: portada, contexto, etapas, un apartado especial dedicado ao papel da muller e outro á Cidade da Selva e á federación de guerrillas. Ademais detense nos casos de Gerardo Núñez O Perdigueiro e de Chucho “porque son dúas persoas que contribuiron á actividade desde o principio”, comenta Alba Prada.

Esta xornalista resalta a importancia destes feitos na historia de Valdeorras e tamén incide na importancia da investigación no ámbito local e da súa difusión, especialmente entre a xente nova. Ademais amosa o seu agradecemento a todas as persoas que fixeron posible este traballo, cunha referencia especial aos maiores e ao apoio do investigador Alejandro Rodríguez. “Aínda queda moito por descubrir, este é un tema que segue vivo”, di, e non descarta seguir investigando.

 

 

– ¿Por que escolleu este tema para realizar o traballo de fin de grao en xornalismo?

Porque me interesaba o tema e porque vía que, tanto na formación en secundaria como no ámbito xeral da cultura en Valdeorras, non se lle tiña dado moita importancia, e penso que é unha cuestión moi relevante. Por exemplo, eu no instituto non recibín información sobre isto, se non te preocupas por ti mesma de buscala, non chegas a ela. Por iso creo que é importante difundir esta parte de historia da comarca e investigar sobre ela.

–  ¿E o título?

Pensei, ¿que ten de singular a actividade guerrilleira? Pois tanto esta actividade, como toda a posguerra e o franquismo deixaron unha pegada incrible nos anos posteriores e que dura ata a actualidade. E da néboa fai alusión a dúas vertentes. En primeiro lugar, ás condicións meteorolóxicas que se dan aquí no outono-inverno e, logo, ao feito de que os guerrilleiros/as daban pasos en falso. Na néboa non se ve nin a 1 m e e as súas pisadas sempre eran incertas.

Ademais estes feitos deixaron unha fonda pegada que, aínda hoxe en moitos casos, segue estando oculta, aínda non se despexou de todo esa néboa, esas pegadas están aí pero non se ven.

– ¿Como foi o proceso de documentación? ¿con que tipo de fontes traballou?

Bibliográficas, con moitísimos libros, sobre todo, de autores da zona como José Antonio Gurriarán ou Félix García. Tamén quería darlle protagonismo ás fontes orais porque creo que son moi importantes e porque, ademais, están desaparecendo. Falamos de persoas de arredor de 90 anos, por iso parecíame clave sacalas. É certo que segue habendo medo a contar as cousas, moitas non quixeron saír e outras non quixeron que lles gravar a cara, pero tamén hai tamén moitas outras que si teñen moitísimo que contar e é esencial darlles voz.

Logo están as fontes orais expertas no tema que gravei: os investigadores de Sputnik Lagrego, Alejandro Rodríguez e Celtia Rodríguez; tamén caras coñecidas da historia valdeorresa como Félix García e o presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses Aurelio Blanco. Ademais contactei con Santiago Macías xa que, aínda que o seu traballo céntrase máis no Bierzo, toca un pouco a esta zona e quería contar coa súa visión.

Tamén é certo que coas restricións da pandemia resultaba difícil poder desprazarse aos arquivos, pero ao final foi consultar a bibliografía, ir preguntando, contrastando e contactando.

 

A xornalista documentando fotograficamente un dos chozos da Cidade da Selva./ Foto cedida.

 

– A situación sanitaria tamén condicionou as entrevistas persoais, as gravacións…

Si, foi algo bastante problemático, pero ao final tiven sorte porque case todas as entrevistas, menos a de Celtia Rodríguez que foi en Santiago, fíxenas no Barco, en Rubiá e en Casaio. O meu material era unha cámara prestada, un micro de solapa que comprei e un trípode. Tiven moitísimo coidado en desinfectar sempre os micros, en tocar o mínimo ao entrevistado, obviamente sempre levaba mascarilla e eles só a quitaban cando empezaba a entrevista e eu situábame bastante lonxe.

E despois estaba a incerteza de se pecharían ou non Santiago, de se podería viaxar a Valdeorras ou non… Fixen un calendario de gravacións, pero non sabía se ía poder cumprilo. Houbo moita xente coa que contactei que me comentou que nestas circunstancias non podía quedar comigo, hai que ter en conta que a meirande parte das persoas son moi maiores, entón tratamos de buscar unha alternativa á entrevista persoal. Sen dúbida, isto constitúe unha limitación máis porque inicialmente tiña pensada unha cousa e logo tiven que enfocala doutra maneira.

– O traballo inclúe unha documentación fotográfica dos lugares onde sucederon os principais feitos que se abordan: algúns dos chozos da Cidade da Selva, Correxais, Rubiá, ponte Bibei, etc.

Quería darlles visibilidade e ademais están situados nun mapa para ver facilmente a súa ubicación. Buscaba situar os feitos dunha forma máis visual, engadindo esas imaxes e un pequeno parágrafo explicativo de que supuxo ese lugar para a guerrilla, no contexto da posguerra ou no tema da represión.

– ¿Que importancia tivo a muller tanto fóra como dentro da guerrilla?

Fixen fincapé niso no traballo dedicándolle un apartado á muller porque que tiveron un papel incrible, importantísimo. Referinme a casos concretos que pasaron aquí como o de Clarisa, que era enlace, o seu episodio non é tan coñecido, e gustoume contactar o seu fillo e que me contara.

Houbo mulleres en primeira liña na guerrilla, pero penso que as que quedaron na casa, ou no chan como se di, tiñan un papel máis difícil porque aguantaban tanto as presións nas casas, como o coidado dos fillos, do fogar, dos veciños, e todas as traicións que se facían, ían ao cárcere por ser nai, irmá de tal persoa… Por iso considero que o seu era un papel bastante complicado.

 

 

– ¿Que conclusións destacaría neste traballo?

En primeiro lugar, Valdeorras é importantísima a nivel histórico, xa non só na época da guerra civil, da posguerra, do franquismo, senón en moitas outras etapas, pero no momento abordado no traballo converteuse no epicento da actividade guerrilleira do noroeste da península. E, parece mentira, pero a ese feito na zona apenas se lle dá a importancia nin a difusión que realmente merece, e isto é algo que non entendo.

Por outra banda, quero destacar que as mulleres exerceron o papel máis relevante aguantando a presenza tanto no chan como no monte, de feito, a actividade guerrilleira e de posguerra non sería posible sen a organización da rede de enlaces. Tamén, como xa dixen, son fundamentais as fontes orais que aínda quedan, é clave darlles voz, sobre todo aproveitar agora que van quedando as últimas testemuñas directas desta fase da posguerra.

Creo que os valdeorreses e as valdeorresas, pero tamén  as persoas alleas a Valdeorras teñen que saber un pouco máis desta parte da historia que está un pouco silenciada.

Texto: A.R.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button