ConcellosÚltima hora

“Valdeorras Infinda é un proxecto global que vai tocar os diversos aspectos da comarca na Coruña”

Emilio Vega e Manuel Agra presentaban esta mañá no Barco o proxecto deste grupo de encontro e divulgación, que iniciará xa no outono as súas actividades na cidade herculina

Emilio Vega e Manuel Agra, promotores de “Valdeorras Infinda”, no casco vello do Barco./ Foto: A.R.

 

Cobra vida, e con forza, “Valdeorras Infinda. Grupo de encontro e divulgación”, un proxecto que aposta por proxectar a comarca na cidade da Coruña e cuxos principais promotores son Emilio Vega e Manuel Agra. Ambos presentaban esta mañá no Barco este colectivo, que xa ten programadas diversas actividades (coorganizadas coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña) para o outono deste ano 2021, tendo xa como referente a figura de Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que se lle dedicarán as Letras Galegas do 2022.

“Estamos moi contentos de poder presentar aquí unha idea á que lle levamos tempo dando voltas e que nos sentimos moi orgullosos de poder levala a cabo: a de falar de Valdeorras fóra de Valdeorras”, comentaba Agra. “Nós, que nos inspiramos en Florencio Delgado Gurriarán, cremos e afirmamos que Valdeorras é infinda, non só polo que se di de que onde haxa un de Valdeorras alí está a comarca, que tamén, senón porque sentimos que é infinita a súa potencialidade. E iso é o que nos move: contar esa potencialidade fóra de Valdeorras e tamén aquí, claro. É infinita a potencialdade económica, ou debera selo, dunha terra rica en produtos denominados “ouro”, sexan castañas, viño, lousa, paisaxe… Pero, sobre todo, é infinito o potencial da xente de Valdeorras. Abraia ver o potencial creativo da comarca, sexa no apartado que sexa: arte, literatura, música, cine, fotografía, interpretación…”.

Manuel Agra aludía tamén ao rico pasado da comarca dende a época prehistórica, así como ao “labor galeguista da época das Irmandades da Fala”, sen esquecer “o sufrimento e a dor causada pola represión tras o golpe de estado de 1936”. Esta Valdeorras Infinda é a que “pretendemos dar a coñecer na Coruña, que neste momento é o lugar onde residimos”.

 

Un dos momentos da presentación deste proxecto./ Foto: A.R.

 

Ademais “Valdeorras Infinda” pretende ser un “proxecto global que vai tocar todos os aspectos, xa sexan culturais, políticos, sociais, gastronómicos… da comarca de Valdeorras cara a cidade da Coruña”, indicaba pola súa banda Emilio Vega. “Neste ano 2021 partimos da memoria histórica de Florencio Delgado Gurriarán, este home que foi militante das Irmandades da Fala e fundador do Partido Galeguista. Imos abordar a súa figura, pero non tanto como escritor, senón como home que vive nunha terra marcada por un proceso histórico que é o da guerra civil ata o exilio, non queremos que se perda esa raíz social e política deste autor. Delgado Gurriarán non era un escritor ao uso, senón un escritor de política de combate”, asegura Vega.

Serán un total de cinco conferencias e dúas proxeccións que se desenvolverán entre o 16 de setembro e o 20 de decembro no local da AC Alexandre Bóveda da Coruña. “Estas palestras queren ser un marco do que nós entendemos que foi Florencio Delgado Gurriarán, un poeta moi implicado na defensa da terra e da nación, é un nacionalista, queremos amosar esa faceta de Florencio”, resalta Emilio Vega.

 

 

Ambos agradecían ademais o apoio e colaboración da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña e da súa presidenta, María Xosé Bravo, para poder levar adiante este proxecto que aposta por proxectar Valdeorras.

Pero non só será historia e literatura, “Valdeorras Infinda” pretende ir máis aló e, máis adiante, ten en mente organizar outro tipo de propostas que irían ata as catas e as degustacións de produtos valdeorreses. “Queremos proxectar a comarca en toda a súa amplitude. Nun principio o que imos facer é un encaixe de Valdeorras a partir da figura de Florencio, que será o fío que tire de todas as palestras que pretendemos desenvolver no 2022 a nivel literario. A partir de aí xa nos meteríamos noutros ámbitos como o gastronómico ou culinario, coas castañas, os viños… Queremos proxectar todos os aspectos sociais, económicos, políticos, culturais da comarca”, indican Emilio Vega e Manuel Agra.

 

Artigos relacionados

Back to top button