En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Valdeorras maniféstase en defensa dos servizos das súas estacións

Veciños da Rúa e Petín chegaban en tren á estación do Barco para participar nunha mobilización para reivindicar que non se elimine a venda directa de billetes de tren nin a atención persoal

Con aplausos eran recibidos os veciños da Rúa e Petín que se baixaban pasadas ás seis e media da tarde na estación de ferrocarril do Barco. Vestían chalecos reflectante, portaban pancartas con lemas como “Non recortes no tren” e facían soar silbatos. Era o punto álxido dunha mobilización en defensa da atención e venda directa de billetes nas estacións do Barco e da Rúa que Adif pretente levar a cabo. Ademais das estacións valdeorresas tamén se verían afectadas outras dúas da provincia de Ourense, as do Carballiño e Ribadavia, así como unha na de Pontevedra e outra na de Lugo (Sarria).

Este acto reivindicativo comeza ao redor das seis menos cuarto na Rúa, onde os veciños  se concentraban para coller o tren dirección ao Barco. Ademais de alcaldes e concelleiros de Petín e da Rúa, tamén asistía a deputada ourensá do BNG no Parlamento galego, Noa Presas, quen descataba “a gravidade da medida especialmente para a provincia de Ourense, xa que afecta a catro estacións”. Asemade aseguraba que “se continúa cos actos reivindicativos pode chegar a evitarse esa perda”.

De seguido, os presentes tomaban o tren e no Barco, agardábanos numerosas persoas. Tamén se aproveitaba para recoller sinaturas en defensa destes servizos. Tras a chegada do tren, no exterior das instalacións ferroviarias, tiña lugar un acto no que interviñan a alcaldesa da Rúa e o alcalde do Barco. “Estamos loitando polos nosos dereitos, por que as nosas estacións non se pechen, por que non nos quiten un servizo máis, porque non nos sigan considerando ás xentes do interior de Galicia e de Valdeorras como cidadáns de segunda, temos os mesmos dereitos que o resto dos galegos e por iso estamos aquí”, asegura a rexidora ruesa, María G. Albert.

E engadía que se dá a circunstancia de que “ningunha das seis estacións nas que se pretende suprimir eses servizos está nun concello gobernado polo PP, é case imposible estatísticamente”. Asemade destaba que é importante manter a unión entre O Barco, A Rúa e Petín e co resto da comarca “porque os demais concellos tamén están afectados por esta medida e que a unión fai a forza entre todos imos conseguir que Renfe, Adif e o Ministerio de Fomento asuman as súas obrigas”.

Dun xeito semellante se manifestaba o alcalde do Barco e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, quen iniciaba a súa intervención cun certo tono de humor apuntando que “o Ministerio, Renfe e Adif hoxe conseguíu unha cousa impensable hai tempo, que os veciños do Barco viñeramos a recibir entre vítores aos nosos veciños da Rúa, e iso ten mérito”. De seguido comentaba que “a sociedade está evolucionando polo camiño da unión, nós somos Valdeorras, unha comarca que ten que loitar todos xuntos para reivindicar as nosas necesidades”.

García aseguraba que “o que non va conseguir nin os responsables de Adif nin os de Renfe é quitarnos os poucos servizos que tiñamos nas estacións, non vale dicir que os billetes se poden sacar por internet porque hai moita xente que non sabe facelo e non vale dicir tampouco que un se pode montar no tren sen billete que xa llo dará o revisor, ¿e se vai para Pamplona e o revisor lle di que non hai ningún asento libre? ¿que fai?, ¿apéase en Ponferrada e colle un taxi por que non hai un tren que o devolva ao destino? ¿tanto é pedir que todos os días durante unha hora, dúas horas unha persoa estea na estación antendendo a xente?”.

Por outra banda, o alcalde barquense explicaba que o Concello do Barco recibía hoxe unha carta de Adif en resposta á demanda de Disvalia de conseguir a accesibilidade de persoas en cadeira de rodas ao tren na estación do Barco. “Contestan dicindo que a estación do Barco é accesible, pero non hai unha rampa para poder subir aos trens, pero que eles iso só o fan en estacións con 750 usuarios ao día, ¿onde hai 500 ou 100 usuarios ou tres, pero deses tres hai un que non pode subir ao tren, ese non viaxa en tren? Mañá mesmo lle mandaremos esta carta á Valedora do Pobo, que se está interesando neste tema, porque está é unha tropelía máis a esta comarca”.

E concluía pedindo a unión da comarca, “imos manifestarnos os días que faga falta e facer o que faga falta para que as estacións da Rúa do Barco sigan funcionando como ata agora”.

Fotos: Mónica G. Bellver/ Carlos G. Hervella
A imaxe número 14 da galería é cedida.

Artigos relacionados

Back to top button