En portadaÚltima hora

Valdeorras mantén indicadores de risco no Covid pero rexistra “unha lixeira melloría”

Así o sinala Sanidade no DOG no que se recollen as novas restricións sanitarias, entre elas a limitación das reunións a 5 persoas en toda Galicia, que entran en vigor hoxe

Imaxe do centro do Barco.

 

A partir das 00h. deste xoves 22 de outubro entran en vigor as novas restricións fronte ao Covid recollidas na Orde do 21 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do Covid-19 nas comarcas de Allariz-Maceda, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro, Terra de Celanova, Valdeorras e Verín, na provincia de Ourense. Esta orde publícase onte no DOG.

Nela tamén se fai referencia á situación da comarca de Valdeorras, na que se manteñen as medidas aplicadas anteriormente e, ademais, inclúese a limitación das reunións a 5 como máximo (no caso Barco tamén limitadas só a conviventes).

Ademais dase conta do informe de Sanidade sobre a situación epidemiolóxica de Valdeorras, no que se indica que “o valor da taxa acumulada a 14 días para o total da comarca foi lixeiramente inferior ao do informe anterior pero que continúa sendo superior ao de Galicia. Esta taxa débese fundamentalmente ao concello do Barco de Valdeorras, o cal alcanza unha taxa de incidencia acumulada aos 14 días tamén inferior á observada hai 7 días pero superior á global de Galicia. O número reprodutivo instantáneo é algo superior a 1”.

En canto aos indicadores de risco, “aínda hai algún indicador de risco alto, como incidencia acumulada a tres días na área e no período estudado ou a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos. Con base nos datos anteriores e aínda que se aprecia unha lixeira melloría con respecto á semana anterior en relación ás taxas de incidencia, no informe advírtese que hai que ter en conta que a taxa de incidencia da comarca nos últimos 14 días continúa sendo superior á do global de Galicia”.

Aínda así o informe de Sanidade indica que, “con todo, os datos obtidos parecen evidenciar que as medidas restritivas establecidas nesta comarca están a ter efecto e, por tanto, é preciso continuar con este tipo de medidas a fin de controlar o brote de maneira definitiva. Tendo en onta as restricións establecidas para o global da Comunidade Autónoma de Galicia, no informe considérase que tales restricións son tamén aptas para todos os concellos da comarca do Barco de Valdeorras, aínda que, para o caso do concello do Barco de Valdeorras, dada a taxa observada no devandito concello, recoméndase o mantemento, como medida máis restritiva para este concello, da limitación dos grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados aos constituídos só por persoas conviventes, con determinadas excepcións, que xa veñen aplicando no devandito concello”.

O DOG que recolle esta orde pode consultarse aquí:

AnuncioC3K1-211020-11_es

Artigos relacionados

Back to top button
Close