En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Valdeorras mobilízase para reclamar a reposición dos servizos ferroviarios perdidos

Unha caravana cun cento de vehículos partía a mediodía da estación do Barco e concluía na da Rúa coa lectura cun manifesto

 

Co peche da venda de billetes de tren nas estacións do Barco e A Rúa-Petín culmínase “un proceso de desmantelamento dos servizos e infraestruturas ferroviarias na nosa comarca que se foi desenvolvendo nos últimos 15 anos a través dos sucesivos gobernos estatais de PP e PSOE. En febreiro de 2017 Adif e Renfe xa anunciaran a eliminación do servizo de información e atención ao público e a venda presencial de billetes nas nosas estacións así como noutras do conxunto do país. Naquel intre a espectacular contestación cidadá conseguiu poñer en suspenso unha medida que, como xa temiamos naquel intre, só ficara adiada no tempo”. Deste xeito iniciábase o manifesto co que se completaba a caravana reivindicativa en defensa dos servizos ferroviarios de Valdeorras que partía ás 12:30h. deste 4 de outubro da estación do Barco.

Unha hora despois, chegaba á estación da Rúa onde o responsable comarcal do BNG de Valdeorras (partido convocante xunto coa CIG da mobilización), Roberto Quiroga, agradecía a boa resposta da cidadanía e tamén o apoio dos Concellos do Barco e da Rúa. Despois, cedíalle a palabra a Suso Vilasánchez, concelleiro do BNG no Barco, quen procedía a dar lectura ao manifesto. Nel lembrábase que o pasado 1 de outubro foi o “primeiro día da historia no que en Valdeorras non se despacharon billetes a través dun portelo desde a chegada do tren á comarca”. Algo que supón “o peche definitivo dunhas estacións que durante un século foron elemento dinamizador e que hoxe só contan cunha máquina expendedora de billetes que non funciona para uns trens que xa non circulan”.

Ademais o texto do manifesto incidía en que “a pandemia foi aproveitada agora por unha Renfe baixo o goberno do PSOE para retirar boa parte dos trens que aínda nos restaban tras anos de recortes do Partido Popular, que agora, desde fóra do goberno central, pretende converterse en valedor duns servizos que foron cercenando sistematicamente cando tiveron o poder de facelo. Déixannos así case sen conexións co Estado (eliminando, por exemplo, o Alvia nocturno a Barcelona) e, sobre todo, co resto do país (hoxe xa unicamente contamos cun rexional de ida e volta entre Vigo e Ponferrada). E tras a retirada dos trens teñen o cinismo de dicir que pechan a estación porque non venden billetes. Billetes para trens que non existen?”.

 

Suso Vilasánchez dando lectura ao manifesto./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Asimesmo indicábase que “a cidadanía de Valdeorras non vai ficar indiferente ante este novo agravio para unha comarca que está a padecer as peores consecuencias do abandono do rural por parte das distintas administracións”.

Vilasánchez concluía, entre aplausos, a lectura do manifesto destacando que a sociedade valdeorresa demanda que “Renfe faga honor á súa función de servizo público e deixe de usar o rendemento económico como argumento para o peche das estacións e, polo tanto, para deixarnos máis incomunicados do que xa estamos se cabe. Por iso desde aquí reclamamos ao goberno central a recuperación da venda de billetes de tren das estacións da Rúa-Petín e O Barco de Valdeorras, así como dos trens eliminados na última década. Non ao peche!”.

 

 

Esta mobilización contaba coa presenza de representantes de diferentes formacións políticas, entre elas o partido socialista (con alcaldes, concelleiros e o senador por Ourense, Miguel Bautista), así como do BNG e tamén dalgún concelleiro do PP, neste último caso no Barco. Contaba asemade co respaldo da Asociación Empresarial de Valdeorras, coa asistencia de membros da súa directiva.

 

O senador Miguel Bautista./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Miguel Bautista, senador socialista por Ourense

Entre os asistentes á caravana encontrábase o senador socialista pola provincia de Ourense, o petinés Miguel Bautista, que resaltaba a perda de servizos ferroviarios que sufre a comarca. “Independentemente dos peches ou non peches das estacións, o gran problema é que non temos trens. Eu que viaxo a Madrid no tren dende A Rúa, vexo que só hai un tren pola mañá, que é o que vai a Barcelona e do que fago un transbordo en León para Madrid. Estamos sendo abandonados por un servizo público que antes tiñamos e hoxe non temos. O gran problema para min persoalmente é que nos estamos quedando sen trens”.

 

A deputada galega María Albert./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

María Albert, deputada do BNG por Ourense no Parlamento galego e concelleira ruesa

A parlamentaria galega do BNG María Albert fai un balance moi positivo da caravana reivindicativa. “Valoramos moi positivamente a resposta cidadá a esta mobilización, tivemos unha gran resposta, o mesmo que no 2017 cando anunciaron por primeira vez o peche da venda de billetes nas estacións”. Albert considera que se trata dun “tema moi sensible para a comarca. A cidadanía de Valdeorras ten unha vinculación moi especial co tren, e ademais é un medio de comunicación básico para nós. Fóronnos quitando os servizos un tras outro, e hoxe só hai dous trens de ida e volta que paran nas estacións da Rúa e do Barco, ¡co que foron estas estacións a nivel de comunicacións!”, asegura.

Ademais a deputada resalta que esta é “unha cuestión que non podemos permitir e que ten que deixar de ser moeda de cambio dos distintos gobernos centrais. Non nos vale que cando goberna o PP peche servizos e que, cando goberna o PSOE, o PP se converta en valedor deses servizos que eles tamén pecharon. Ten que ser unha cuestión de comarca e tamén de país, porque a Xunta debe involucrarse a nivel estatal. Isto nas zonas rurais, como é Valdeorras, é fundamental para non quedar máis abandonados do que xa estamos”.

 

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Enrique Álvarez, alcalde de Vilamartín

Entre os rexedores presentes na caravana estaba o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, quen lamentaba que “nos estamos acostumando” a perda de servizos na comarca. “A min dame igual quen goberne en Madrid, nós reivindicamos un servizo que non debería perderse. Estase perdendo un servizo e estanse perdendo trens. Posiblemente o futuro levaranos a que, cada vez máis, haxa menos xente para atendernos nas estacións, pero iso terá que ter un proceso de forma que quede alguén para aquelas persoas que non son capaces de sacar o billete doutra maneira e así poidan ser atendidas”.

O rexedor vilamartinés cre que “Valdeorras está quedando cada vez máis na fin do mundo, estamos quedando illados de todo, é unha pena. Dende logo, dende o Concello de Vilamartín imos reivindicar isto, e non só isto, porque igual que estamos falando do tren, estamos falando da A-76. E o que dicía, dame igual quen goberne en Madrid, nós temos que recordarlle ao político de turno que estea no goberno que Valdeorras existe e que como tal estamos aí para reivindicar”.

 

Aurentino Alonso, tenente de alcalde do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Aurentino Alonso, tenente de alcalde do Barco

Pola súa banda, o tenente de alcalde do Barco, Aurentino Alonso, indicaba ao remate do acto que “o partido socialista da comarca, coma sempre, está cos veciños, independentemente de quen goberne, non como outros grupos que agora si, agora non, como o Guadiana. E dende logo a valoración que facemos é que o servizo de venda de billetes dalgún xeito hai que dalo. Reclamamos a reapertura das billeteiras, tanto do Barco como da Rúa, e de feito esta semana próxima o senador pola provincia de Ourense, o valdeorrés Miguel Bautista, ten concertada unha entrevista co presidente de Renfe en Madrid para plantexarlle esas reivindicacións”.

Alonso tamén sinalaba que, “tal e como dixemos o outro día no pleno do Barco, no que se presentou unha moción a este respecto e aprobouse por unanimidade; a reinvidicación ten que ir máis alá das billeteiras, ten que ser a reposición de servizos de tren e, sobre todo, eses servizos esenciais como é o da primeira hora da mañá, o da primeira hora da tarde. A xente que habitualmente debe ir cara Ourense, ten que poder chegar a Ourense en tempo para temas médicos e de xestións, e ademais poder volver no día; non como está ocurrindo agora”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información, vídeos e fotos:
https://osil.info/a-saida-da-caravana-contra-a-supresion-de-servizos-ferroviarios-en-imaxes/
https://osil.info/arranca-do-barco-a-caravana-contra-a-supresion-de-servizos-ferroviarios-en-valdeorras/
https://osil.info/a-caravana-reivindicativa-cun-cento-de-vehiculos-chega-a-rua-e-conclue-coa-lectura-dun-manifesto/

Artigos relacionados

Back to top button