DeportesÚltima hora

Valdeorras prepárase para o “Desafío 42 Ourense Termal”, que se disputará o 19 e 20 de maio

Esta proba de 42 km contará con tres carreiras e discorrerá polos concellos da Rúa, O Barco e A Veiga
Presentación en Ourense do “Desafío 42 Ourense Termal”.

Un total de 42 km en tres carreiras (que se poden disputar independentemente cada unha das outras sen ter a obriga de correlas todas, e de xeito individual ou en grupo). Será o reto que terán por diante os participantes na quinta edición do “Desafío 42 Ourense Termal”, entre os días 19 e 20 de maio. A proba comezará o día 19, ás 12:30 horas na Veiga, cunha carreira de 6 quilómetros, e posteriormente, ás 20.30 horas no Barco de Valdeorras, onde se disputará unha carreira nocturna de 15 quilómetros de percorrido.

Ao día seguinte, 20 de maio, ás 10:30 horas, na Rúa, terá lugar a proba máis longa, un medio maratón (21 quilómetros), co que rematará esta edición do “Desafío 42 Ourense Termal”. Previamente, a esta última proba, ás 10:00 horas disputaranse tamén na Rúa un total de cinco carreiras para nenos. Tanto na proba da media maratón da Rúa como nos 15 quilómetros nocturnos do Barco estableceranse avituallamentos nos percorridos.

A presentación deste evento deportivo tivo lugar o 15 de maio no Pazo Provincial coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o organizador, Serafín Martínez; os alcaldes da Rúa e da Veiga, Luis Fernández e Juan Anta, e o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso. Rosendo Fernández dixo que este evento “promove, ademais do deporte do atletismo, a riqueza turística dos concellos polos que discorre e pon en valor o termalismo na nosa provincia”.

O “Desafío 42 Ourense Termal” será organizado por Qualité Sport Events en colaboración coa Deputación de Ourense e os concellos da Rúa, O Barco e A Veiga. O prazo de inscrición remata o 16 de maio, e os deportistas poden inscribirse a través da páxina web: www.championchipnorte.com. Máis información en: www.desafio42.com.

Artigos relacionados

Back to top button