EntrevistasGalerías de fotosÚltima hora

“Valdeorras recolle un exercicio de dinamismo e progresismo nas alcaldías que é referente para o conxunto do país”

Gonzalo Caballero, precandidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE, reuníase cos militantes de Valdeorras na tarde do 8 de setembro no Barco

 

Dende mediados de xullo percorre as diferentes agrupacións socialistas galegas para transmitir o proxecto que defende para o partido. Tras máis de medio cento de encontros cos militantes da comunidade, con paradas ourensás na cidade, en Verín ou en Viana do Bolo, Gonzalo Caballero Míguez (Ponteareas, 1975) achegábase ata Valdeorras. Na tarde do 8 de setembro este precandidato ás primarias socialistas mantiña un encontros cos socialistas de Valdeorras.

¿Cales son as liñas principais do proxecto que vostede defende para o partido socialista galego?

Estamos plantexando que o PSdeG necesita abrir un novo tempo político, con novos referentes, cun novo proxecto renovado e con novas liñas de acción política no país. Temos que renovar o partido e fortalecer a nosa presenza en Galicia. O debate parlamentario é moi importante en Galicia, pero non é suficiente para conseguir arrinconar á dereita e ás políticas conservadoras do país, polo tanto, tócanos construír unha etapa de fortalecemento do socialismo galego que permita darlle máis presenza ao partido, fomentar o debate de ideas, darlle máis protagonismo á militancia e dese xeito iniciar un novo tempo político que nos conecte co tempo político que se ten aberto en España coa elección de Pedro Sánchez. O vento está soprando ao favor do PSOE en España e é necesario que en Galicia fagamos un exercicio profundo de renovación para aproveitar ese vento que sopra ao favor do PSOE e que ese vento tamén impulse ao socialismo galego.

 

Gonzalo Caballero, na entrevista co Periódico O Sil no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

¿Como ve o panorama da provincia de Ourense dentro do conxunto galego?¿que lugar cre que debería ter esta provincia?

No conxunto do Estado Galicia constitúe unha excepción no senso de que é o único lugar importante onde o PP consegue manter todavía agora maiorías absolutas consecutivas. E dentro de Galicia o caso da provincia de Ourense é un escenario no cal se seguen desenvolvendo e aplicando as políticas máis conservadoras da dereita co goberno e o control da Deputación. Polo tanto, o que temos é que conseguir darlle unha maioría social de progreso a Galicia, para iso temos que facer un proxecto claramente de esquerdas, elaborado sobre as nosas ideas tradicionais do socialismo democrático, un proxecto galego e galeguista e cun modelo de partido moito máis aberto. Este proceso é un proceso de primarias e nel o tempo vano marcar os militantes. Se fose o aparato o que decidise, o proceso sería moito máis conservador, pero hai unha gran vontade de cambio na militancia de base que pode impulsar ese proxecto de cambio.

¿Cal é a súa opinión sobre a realidade da comarca de Valdeorras?

É evidente que Valdeorras recolle un exercicio de dinamismo e progresismo nas alcaldías da bisbarra, que son de referencia para o conxunto do país. E, por outra banda, tamén somos conscientes de como desde aquí se están sufrindo as políticas de recortes e de falta de solidariedade do PP en asuntos vitais como acadar unha sanidade pública e gratuíta o máis próxima e cercana aos cidadáns. Nese senso, fai falta un PSdeG que defenda ao Estado de benestar, que defenda o público e os servizos públicos e que iso supón dende logo apoiar a unha Galicia interior que necesita dinamismo e calidade de servizos para poder ter futuro.

 

Caballero intervindo ante os militantes socialistas de Valdeorras, na sede do PSdeG no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Polos contactos que está mantendo coas diferentes agrupacións de Galicia, ¿como está sendo a receptividade ao seu proxecto?

Levo máis de 50 agrupacións recollidas e a impresión é moi positiva. Hai moita vontade de cambio por parte da militancia e cremos que temos unha oportunidade para construír un novo tempo. Dende o ano 2009, no que perdimos o goberno da Xunta, non artellamos unha fórmula política que nos permitise acadar unha maioría social de progreso e agora os militantes, os 11.000 socialistas galegos que son os que mellor coñecen o país, saben que toca cambiar e que os aparatos e os baróns da organización artellan algún tipo de operacións para intentar manter unha prórroga do tempo pasado. A nosa posición é unha de cambio de ciclo e creo que nin as operacións de debilidade do partido, manexadas dende as sombras polos baróns e os poderes fácticos, poden xerar o proceso de cambio e de dinamismo e de ilusión que este partido necesita para conquerir unha maioría social de progreso en Galicia.

Texto: A.R.     Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close