CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Valdeorras redescubre a pintura de Díaz Ferrer cunha exposición en Vilamartín

Poderá visitarse ata o vindeiro 28 de xaneiro no Centro Cultural Santa Lucía de Vilamartín

Diversos estilos, temática, técnica. A través de 14 obras de coleccións privadas, unha mostra instalada no Centro Cultural Santa Lucía de Vilamartín permite o reencontro de Valdeorras coa pintura do creador barquense Jesús Díaz Ferrer, falecido no 2017. Inaugurábase na tarde do 28 de decembro e permanecerá aberta ata o 28 de xaneiro en horario de 19:30h. a 21h. (agás os mércores).

Na apertura da mostra interviñan o alcalde vilamartinés, Enrique Álvarez, e o historiador da arte barquense, Luis Enrique Rodríguez Arias “Coquixo”, quen facía unha introdución ao labor creativo de Díaz Ferrer e a súa importancia como autor no marco das vangardas europeas, que el viviu moi de preto en París.

“Esta exposición non é unha retrospectiva, reúne diversos cadros de coleccións privadas con técnicas e motivos diferentes, pero que permiten achegarse a unha parte significativa da pintura de Díaz Ferrer, que é amplísima e con estilos e técnicas completamente diferentes”, comenta “Coquixo”, que descubría a este pintor mentres estudaba en Santiago e que dende entón leva décadas pescudando e afondando con paixón na súa obra.

Paisaxes, autorretratos, figuras mitolóxicas, temática social e de denuncia, naturezas mortas… É un percorrido en catorce obras polo universo de Díaz Ferrer, no que este “artista valdeorrés universal” se move entre o realismo, o expresionismo, un singular surrealismo e o onírico, facendo gala dun maxistral uso da cor para transmitir con acerto emocións e sensacións. Esta mostra constitúe unha excelente oportunidade para coñecer ou redescubrir a obra deste sorprendente e polifacético creador.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button