En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Valdeorras réndese, un ano máis, á ruta polas covas de Vilamartín

Miles de persoas asistían á XXII Festa das Covas nunha calurosa tarde-noite de agosto

Non ten rival. O primeiro sábado do mes de agosto, o maior punto de atracción turístico na comarca de Valdeorras segue sendo a Festa das Covas de Vilamartín, aínda que nesta ocasión o número de persoas diminuíu algo con respecto á edición anterior. “Unhas 200 ou 300 menos”, aseguran dende a Asociación de Coveiros que esperaban algunha máis “aínda que o tempo non acompañou”. Así e todo, foron unhas 3.400 as que este ano asistían á ruta na tarde-noite do 4 de agosto.

Nunha das tardes máis calurosas do que vai de verán, en torno ás oito e media comezaban a chegar os asistentes. Mozos e non tan mozos, de Valdeorras e de diferentes partes de Galicia, moitos da costa, e mesmo do resto de España (sobre todo xente da zona que vive fóra e regresa para as vacacións), comezaban, cunca en man e co pano verde ao pescozo, o percorrido polas 45 adegas que abrían as portas nesta ocasión. Dende a Vilachá ata a Mª Elena, distribuídas no mapa en sete tramos de diferentes cores: O Mazo, Os Barreiros, Mirador, Justino Fernández, O Valadal, O Caño e A Reza. Chamou especialmente a atención, a asistencia dun numeroso grupo de Asturias, fiel á cita, que este ano reuníu a máis de trinta persoas; e tamén a dunha catalana levando orgullosa a bandeira de Galicia.

Coma sempre, o percorrido estivo amenizado musicalmente por tres agrupacións: os cantos de taberna Ouruxobruxo da Rúa (que xa amenizaran a Festa dos Coveiros o día anterior), a charanga Nova Terras de Trives e Airiños de Caldelas. Tamén o fin de festa era musical, coa actuación, xa pasada a medianoite, da orquestra Fénix e da Banda Mazinguer.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button