En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Valdeorras rinde homenaxe a Ramón García “Ragar”

O presidente de honra da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras ten un fito na súa honra en Fontei (A Rúa)

Despois de anos de loita, o 26 de abril o Parlamento aprobaba a Lei do patrimonio cultural de Galicia e con ela a inclusión do Camiño de Inverno como ruta xacobea a Santiago. E só unha semana máis tarde, A Rúa e Valdeorras rendía homenaxa a a unha das persoas que máis leva loitado por esta ruta que entra en Galicia por Valdeorras. Ramón García, máis coñecido como “Ragar” foi o fundador da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, adicando xunto a un grupo de persoas coas que sempre contou, unha parte da súa vida a promocionar e dar a coñecer o Camiño de Inverno.

Hoxe, con Asunción Arias e o seu equipo ao fronte da asociación, Ramón é membro honorífico do colectivo que el mantivo vivo durante tanto tempo e que na tarde do 7 de maio lle rendía unha merecida homenaxe. E facíao da mellor forma posible, coa colocación dun fito do Camiño na súa honra, no adro da Igrexa de Nosa Señora de Fátima en Fontei. Alí, arroupado coma sempre pola súa familia, membros da asociación, veciños, e tamén varios alcaldes da comarca (entre eles a da Rúa, María González Albert) recibía o agasallo nun acto que contou coa música da banda de gaitas de Abertal.

Malia non estar presente no acto, tamén se recoñeceu o labor doutro membro sa asociación, Teodoro Suárez (encargado de pintar as frechas amarelas do Camiño ao longo de Valdeorras) cunha terracota do escultor valdeorrés Xelo de Tremiñá.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button