DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Valdeorras sube ao podio da “Crocodile Trophy” 2019 con Brandan Márquez

O capitán do equipo ciclista Tres Lunas remataba a lexendaria carreira polo corazón de Australia no 3º posto da clasificación xeral

 

Con moito calor, esgotado e ata ferido, Brandan Márquez, o ciclista vigués que encabeza o equipo Tres Lunas Valdeorras, lograba non só rematar senón facer podio na Crocodile Trophy 2019, a lexendaria e dura carreira polo corazón de Australia.

Foron 8 etapas (comezaba o 12 de outubro e remataba hoxe, día 19) e máis de 700 quilómetros por unha gran variedade de sendeiros para bicicletas de montaña nun pelotón multicultural con ciclistas de todo o mundo, dende a xungla en Cairns a través de pistas individuais ata o remoto e árido Outback australiano cun impresionante final na praia. Sen dúbida unha experiencia inesquecible para os participantes que lograban chegar á meta, como o galego.

 

Brandan Márquez no 3º caixón do podio da “Crocodile Trophy” de Australia.

 

Durante os oito días de carreira Brandan mantívose no alto da clasificación, oscilando entre o segundo e o cuarto posto, e finalmente era na corrarreloxo de hoxe onde lograba o podio. Tal como el mesmo explica nesta última etaba saían cada minuto “así que tocou morrer 8 km para coroar a escasos 30’, pero a partir de aí decidín xogarma (o podio da xeral a 1’20” e o 5° a máis de media hora) e a cosa saiu redonda”. Lograba darlle a volta á carreira e ser 2° na etapa e 3° da xeral, a 27” do 2° e 14” por delante do 4°. “Parece incrible que despois de 8 días estemos 3 corredores en menos dun minuto”, asegura Brandan, satisfeito con este final de tempada.

Fotos: Facebook Brandan Marquez Fernandez

 

Artigos relacionados

Back to top button