EntrevistasÚltima horaXVIII Feira do Viño Valdeorras

“Valdeorras ten que ir ao concepto de viño boutique”

O presidente da D.O. Valdeorras, José Vicente Solarat, asegura que esta zona vitivinícola ourensá debe apostar polos mercados exteriores

 

O presidente do CRDO Valdeorras, José Vicente Solarat, cunha copa de godello./ Foto: Carlos G. Hervella.
O presidente do CRDO Valdeorras, José Vicente Solarat, cunha copa de godello./ Foto: Carlos G. Hervella.

José Vicente Solarat ten claro que o futuro da Denonimación de Orixe Valdeorras pasa pola diferenciación e pola calidade e, nesta liña, destaca a importancia dos mercados exteriores “non só polo prestixio que lle poden dar aos viños, senón tamén polo prezo que neles se pode alcanzar”.

Dende que asumía a presidencia do consello regulador desta D.O., hai tres meses, a súa axenda está repleta de reunións e de viaxes. Un ritmo de traballo que se manterá nos vindeiros meses e que incluirá citas como a XVIII Feira do Viño de Valdeorras, programada para os días 11 e 12 de xullo no Barco.

Despois de case tres meses ao fronte do sector, ¿cal é a liña que pretende desenvolver no CRDO Valdeorras?


Trato de acoplar este órgano regulador á realidade da D.O. Valdeorras, un territorio que produce magníficas uvas que logo son magnificamente elaboradas. Probablemente o consello ten vivido momentos de distorsión, pero temos que harmonizar máis a mensaxe. Se ben é certo que neste órgano están representados distintos intereses, ao final o obxectivo é tratar de que o produto que todos elaboran, e que acaba nunha botella, sexa cada vez máis coñecido pola súa orixe e calidade. Esa é a única misión. E o que trato de transmitirlles aos membros do consello é que nós estamos aquí para garantir que o que vai na botella é orixinario de Valdeorras, que pasou un control de calidade riguroso e que hai moi pouco e aí xa me meto na frase de só 30 millóns de copas. Entón intentamos centrarnos nesa mensaxe para que o viño sexa, non só máis apreciado pola súa calidade, senón que ese aprecio lle poña, á súa vez, o prezo que merece o produto. E a iso estoulle dedicando o tempo e as conversas necesarias no propio entorno do consello e do sector.

 

En xullo celebrarase a XVIII Feira do Viño de Valdeorras, a primeira para vostede como presidente do consello regulador, ¿como será esta edición?

Celebrarase no Barco, pero cambiaremos a ubicación. Xa o falei co Concello e xa se expuxo no consello regulador. Será na praza de Viloira e tamén imos contar con parte dos xardíns da Casa Grande.

¿Que se incluirá no programa?
Temos a metade de orzamento do ano pasado e serán dous días nos que pretendemos integrar aos establecementos hostaleiros dentro do propio marco para que nos cubran a oferta gastronómica. Falaremos con eles para que o viño que se sirva sexa o que se adquira nas casetas da feira. Tamén poremos un tren que comunique a zona de Calabagueiros, que pare na praza do Concello e que vaia ata Viloira, con viaxes de ida e volta. Ademais imos organizar a primeira edición do Valdeorock, co obxectivo de integrar o concepto de que o viño non está reñido coa xuventude nin coa cultura, senón que é ao contrario, o viño, dentro da moderación, é cultura e vida. No apartado musical teremos como grupo principal a unha banda tributo a AC/DC, The Bon Scott Band, que actuará o sábado 11 de xullo, tendo un grupo teloneiro. E contaremos cunha charanga que trataremos que sexa a NBA, xa que o seu nome significa “Non Bebemos Auga”. No programa haberá tamén unha demostración de cociña en directo ou showcooking, a cata oficial da feira, algo adicional para os nenos e mesmo unha especie de parodia teatral o último día. Esperamos contar coa presenza das autoridades da comunidade e da provincia, xa que os viños de Valdeorras merecen ser honrados coa súa asistencia.

 

Texto: Ángeles Rodríguez

A entrevista completa pode lerse na edición en papel de xuño do Periódico O Sil-

Artigos relacionados

Back to top button