ConcellosEconomíaEconomíaÚltima hora

“Valdeorras ten un gran potencial no sector tecnolóxico”

Daniel e Julio Brasa Blanco, fundadores de Xtudio Networks, SL, con sede na Rúa, clausuraban a asemblea da Asociación Empresarial de Valdeorras

 

Os irmáns valdeorreses Daniel e Julio Brasa, fundadores da empresa Xtudio Networks, SL, (con sede na Rúa), eran os encargados de clausurar na noite deste 10 de xuño a asemblea anual da Asociación Empresarial de Valdeorras, que tiña lugar no Hotel Monumento Pazo do Castro (O Barco). “A invitación a clausura obedece á intención de recoñecer publicamente a súa traxectoria empresarial, a súa proxección internacional, a diversificación das súas actividades e a clara aposta polas potencialidades da comarca de Valdeorras”, dicía a presidenta de AEVA, Araceli Fernández, na presentación destes emprendedores.

Xtudio Networks, SL, traballa no sector de internet, aloxamento web, rexistro de dominios e desenvolvemento de páxinas web con clientes en máis de 20 países. “Na súa aposta pola nosa comarca crearon 11 postos de traballo directos e teñen presenza en varios países. Tamén están promovendo outros negocios na comarca como apartamentos turísticos, entre outros proxectos”, engadía a presidenta de AEVA.

 

 

O primeiro en tomar a palabra era Daniel Brasa, que agradecía o convite e tamén destacaba o “gran labor de AEVA, que ten sido un gran apoio para nós, para as empresas que estamos empezando”. Despois contaba como xurdía este proxecto empresarial e a súa evolución. “Dedicámonos ao sector de internet e basicamente o que ofrecemos é un servizo a particulares e empresas para aloxar a súa páxina web e xestionar os servizos que dependen dela: crear a web, comercio electrónico, dominios, etc. Empezamos traballando os dous dende casa alá polo 2008 e fumos evolucionando ata que decidimos instalarnos nunha oficina na Rúa e, a  partir de aí constituímonos como empresa e fomos mellorando os servizos”. A andaina da empresa comezaba con servizos de micropagos por SMS e foi progresando ata derivar noutro tipo de servizos e agora a súa principal unidade de negocio é a dos servidores, explicaba Julio Brasa.

 

 

Empezaron eles os dous, logo contrataron a un primeiro traballador e actualmente a empresa dá emprego a 11 na súa sede da Rúa. “Agora xestionamos en torno a 80.000 clientes, temos xente propia traballando en Uruguai, Chile, Arxentina, Venezuela e Colombia. De feito, neste último país empezamos hai dous ou tres meses a participar en licitacións para o goberno de Colombia e xa ganamos tres, o cal é unha alegría e unha motivación para nós”, resaltaba Julio Brasa. O 70% do seu negocio está en España e o 30% restante é internacional “e esperamos que siga crecendo a nivel internacional”, engadía.

Ademais o seu irmán Daniel facía fincapé en que a comarca de Valdeorras “é un sitio fantástico para o teletraballo, incluso para a cultura de nómada dixital que hai hoxendía. A calidade de vida que temos aquí non ten nada que ver cunha cidade e ese é un punto moi positivo no noso sector. Valdeorras cremos que ten un potencial moi grande a nivel tecnolóxico”. E aseguraba que “vainos tocar vivir unha época nos próximos 10 ou 15 anos moi interesante a nivel tecnolóxico con temas como o da intelixencia artificial e creo que teríamos que subirnos a ese carro”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button